Na súa resposta a Consellería vén dicir que, lonxe de provocar prexuízos ás familias do alumnado, estableceu "un sistema de comedores máis solidario e xusto", a través do que "os que máis teñen contribúen a blindar a gratuidade para as familias máis desfavorecidas". Pero, quen son "os que máis teñen" para a Xunta? Segundo as novas normas que rexen os comedores escolares, só quedan libres de pagamento as familias cuns ingresos anuais per cápita inferiores a 7.000 euros anuais, un perfil no que entraría, por exemplo, unha parella cun fillo ou filla que non pase dos 583 euros ao mes en total.
Só están exentas de pagar o comedor as familias nas que entran pouco máis de 580 euros ao mesA partir de aquí, atendendo ao criterio oficial, empezarían a estar "os que máis teñen", definición que tamén lle afecta, por exemplo, a unha unidade familiar constituída por dúas persoas adultas e unha ou dúas en idade escolar. Se os adultos cobran máis de 1.125 euros ao mes cada un teñen que facer fronte a unha factura do comedor escolar duns 90 euros ao mes por alumno, toda vez que están incluídos na banda alta do novo baremo, situada nos 4,50 euros por menú e día, con independencia de que os fillos ou fillas empreguen ou non o transporte escolar
Prezo por alumna/o | Fillas/os en idade escolar | Ingresos anuais per cápita |
---|---|---|
De balde | Indiferente | Menos de 7.000€ |
1€/día | 1 ou 2 | 7.000,01€ - 8.000€ |
1€/día | 3 ou máis | Máis de 7.000,01€ |
2,50€/día | 1 ou 2 | 8.000,01€-9.000€ |
4,50€/día | 1 ou 2 | Máis de 9.000,01 |
O debate dos impostos
O concepto das persoas "que máis teñen" non era empregado de maneira tan laxa polo Goberno durante o debate orzamentario do pasado ano, o mesmo que está a piques de volver comezar. Daquela, con Galicia inmersa na voráxine preelectoral ou electoral, Alberto Núñez Feijóo rexeitaba que os que son considerados dos "que máis teñen", pero por ingresar máis de 100.000 euros ao ano, pagasen máis impostos. "Subir impostos, se o que facemos é subir a fraude, non ten moito interese", explicaba o líder do PPdeG nun almorzo informativo. Subir impostos para as rendas altas, explicaba, "non ten moito sentido" porque "pagan sempre os mesmos e defraudan sempre os mesmos". Ademais, os ricos sempre teñen a opción de "censarse" noutro Estado.A Xunta e o PP rexeitaron en numerosas ocasións subirlles os impostos ás rendas altas ou crear novas figuras tributariasDo mesmo xeito, unha vez gañadas as eleccións e xa co trámite iniciado para aprobar as contas públicas, Feijóo subliñaba que non só desbotaba subir tributos, senón que a súa aposta era afondar nas "rebaixas selectivas". Malia esta declaración de intencións, durante o debate orzamentario toda a oposición formulou no Parlamento propostas para incrementar os impostos ás rendas altas, así como para crear novas figuras fiscais para impoñerlle, por exemplo, á banca ou ás grandes superficies comerciais. Para a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, estas propostas non eran "realistas" nin estaban "adaptadas á realidade económica de Galicia". Ademais, o seu "impacto recadatorio" non ía "solucionar moito os nosos problemas". Finalmente, a oposición só conseguiu un leve incremento no imposto de patrimonio e o resto de achegas, máis de mil emendas, ficaron sepultadas baixo o rodete da maioría absoluta. O proxecto económico gobernamental era o único "posible", argumentaron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario