O Diario Oficial de Galicia deste venres publica unha orde da Consellería destinada a "incrementar o importe para financiar as axudas para a adquisición de libros de texto, materiais curriculares e material didáctico e complementarios". A razón non é unha aposta por inxectar máis cartos no sistema educativo, senón porque o diñeiro asignado previamente non chega. Como informou Praza Pública, o pasado xuño Educación convocou os subsidios para o curso 2013-2014 cunha rebaixa do 8% a respecto dos anteriores e agora decátase de que "o importe asignado non é suficiente para atender os compromisos adquiridos ao abeiro da convocatoria". Así, aos 16,2 millóns de euros previstos inicialmente súmanse agora 2,6 millóns máis, chegando aos 18,8.
Os cartos consignados son un 30% que nos últimos Orzamentos do bipartito, que financiaban o programa de préstamo universalNon é, nin moito menos, a primeira vez que isto sucede. No curso anterior, o 2012-2013, a Consellería convocara as axudas cunha dotación total de 17,6 millóns de euros e a finais de 2012 tivo que anunciar tamén que o orzamento non abondaba. Daquela incrementou o crédito das axudas en 1,8 millóns de euros, quedando o montante total en 19,4. Do mesmo xeito, no curso 2011-2012, cando a "gratuidade solidaria" aínda non estaba implantada por completo, o crédito inicial ascendía a 9,21 millóns e houbo que amplialo en 2,9 millóns máis por idéntico motivo.
Estas sucesivas ampliacións de créditos por ser insuficiente a consignación inicial non só amosan o que xa semella ser unha práctica contable habitual da Consellería, senón que pon en cuestión o suposto aforro do novo sistema de axudas parciais. Segundo os derradeiros Orzamentos do bipartito, os de 2009, a partida de "fondos bibliográficos-gratuidade de libros de texto" ascendía a 14,4 millóns de euros e permitía sufragar os manuais para todo o alumnado dos centros sostidos con fondos públicos. Este ano a cantidade é un 30% superior e implica que moitas familias teñan que poñer cartos do seu peto. Malia todo, o propio presidente da Xunta referiuse a este sistema de axudas durante o debate de política xeral como un exemplo de que "os galegos sabemos que se todos os que podemos achegamos algo, acadaremos a suma necesaria para axudar aos que non poden".
Ningún comentario:
Publicar un comentario