Até a quinta feira durará o encerramento de estudantes na facultade de Filoloxía da USC. Protestan polos ataques ao ensino público promovidos desde a Xunta e desde Madrid e rexeitan o decreto que estabelece un número mínimo de alumn@s para manter os graos en filoloxía clásica e filoloxía galega.
"Había que protestar tamén contra o decreto", di Sara Porrit para explicar as razóns que levaron ao estudantado da facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago a encetar un encerramento que se prolongará até o 24 de Outubro, xornada de greve no ensino público da Galiza en contra da LOMCE.Porrit, estudante do grao en Lingua e literatura galega, refírese á norma promovida polo Goberno galego e que o decanato de Filoloxía deu a coñecer após a comisión permanente do 20 de febreiro, informando de que tanto esta titulación coma o grao en filoloxía clásica están condenados ao desmantelamento por non reuniren un número mínimo de alumn@s. O encerramento está apoiado por alumnado de todas as filoloxías que se imparten na facultade de Santiago e pola tres organizacións estudantís nacionalistas: Comités, Liga estudantil e Agir.
O Leo en Filoloxía
A Xunta quere polo menos 50 estudantes nas titulacións que se imparten no campus de Compostela, 45 nas que se imparten no campus de Lugo e unha vintena deberán matricularse dun mestrado para que non o borren da oferta formativa da Universidade compostelá. A USC é a única universidade do País que imparte estas dúas titulacións, pois na U-Vigo e na UdC non se oferta Clásica e Galega fica unificada con Hispánicas en Vigo e con Portuguesa na Coruña.
Pola súa banda, o estudantado de Matemáticas tamén 'tomou' a facultade, desta volta para mostrar o seu rexeitamento aos recortes emprendidos no ensino público galego. Se en Filoloxía amenizaron a acción reivindicativa cun recital de poesía no cal participou o cantautor punk O Leo, en Matemáticas realizaron varias asembleas para decidir cando porán fin ao encerro. Finalmente, o feche foi cancelado esta cuarta feira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario