As organizacións nacionalistas Agir, Comités e Liga estudantil chaman a rexeitar nas rúas a Lei da Wertgoña. Fano cun manifesto conxunto en que critican "a dinámica do sindicalismo español, que non entende nin defende os intereses do noso pobo", necesidades que só serán garantidas "baixo a consecución da soberanía nacional".
"É un erro caer na dinámica do sindicalismo español que non entende nin defende os intereses do noso pobo", necesidades que só se verán satisfeitas unha vez Galiza conquira "a soberanía nacional e popular". Baixo esta premisa, as organizacións estudantís nacionalistas Agir, Comités e Liga estudantil chaman a rexeitar nas rúas a Lei orgánica de mellora da calidade educativa, LOMCE, na greve xeral convocada a nivel estatal para o 24 de Outubro.Porén, a chamada fana nun manifesto conxunto en que reclaman que o ensino público galego se defenda en chave de País "construíndo a unidade de acción en pé de igualdade e sen atender ás cúpulas dos sindicatos españois que non reflicten a realidade das reivindicacións estudantís".
O PP, ''nas antípodas''
O modelo de ensino imposto polo PP desde Madrid --e acatado polo PP desde a Xunta-- sitúano estas tres organizacións estudantís "nas antípodas da defensa do carácter público" para a educación e cualifícano de "proxecto profundamente reaccionario" que fica alleo á realidade nacional "reducindo orzamentos que para nós son a vertebración mesma do País". Citan nesta liña o peche de escolas no rural, o pagamento dos comedores escolares ou a oferta duns ciclos formativos na FP "que nada teñen a ver co panorama socioeconómico" galego.
"Adoutrinamento", "segregación por sexos", suba das taxas universitarias, as cambadelas que pon ao estudantado para que acceda ás bolsas malia incrementar a partida orzamentaria que a elas se destina, "centralización" dos temarios, limitacións no número de horas que se impartirán en galego nas aulas... son algunhas das cuestións que se enumeran no manifesto e que tornan máis forte a chamada a unha greve no ensino que sirva para "defender os intereses do noso pobo" tamén nas aulas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario