Youtubeir@s está impulsado polas tres universidades e once concellos e busca "incrementar o uso do galego na Rede"Este mesmo martes foi presentada a iniciativa nun acto no Colexio de San Xerome de Compostela ao que acudiron representantes de todas as entidades imlicadas no seu desenvolvemento. Yourubeir@s comezará este vindeiro xoves 1 de decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. Tal e como se explica no propio vídeo de presentación, poderanse presentar persoas maiores de 14 anos que deberán formalizar a súa inscrición en liña.
Ademais, os vídeos deberán ter unha duración aproximada de cinco minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube. Alén disto, quen optar ao concurso poderá concorrer en dúas categorías: Vídeo-facermos, destinado a videotitoriais que amosen como realizar calquera proceso (dende unha receita ata como instalar un programa informático), e Vídeo-opinarmos, para aquelas propostas que acheguen unha opinión ou valoración respecto de calquera tema.
Calquera persoa pode presentar un vídeo, ben sexa na categoría 'Vídeo-facermos' (titoriais) ou 'Vídeo-opinarmos'Cada unha destas categorías premiarase cun premio en metálico de 1.000 euros e catro mencións honoríficas de 500 euros, segundo os criterios de valoración do xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Ademais, Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos para todas aquelas administracións locais que desexen programalos. Estas accións formativas, que se desenvolverán de xeito parello ao concurso, estarán impartidas pola produtora Illa Bufarda. O seu obxectivo é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes sociais e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.
Youtubeir@s nace "coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego na Rede"Tal e como se explica desde o propio proxecto, Youtubeir@s nace "coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego na Rede" e, como se indica no vídeo de presentación, conseguir que as pezas na lingua propia "reborden por fóra" a Internet. A iniciativa busca "incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios, que poidan ser de interese para outras persoas, a través dunha canle onde miles de millóns de persoas descobren, visualizan e comparten vídeos".
Como lembran, Youtube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, con máis de mil millóns de usuarias e usuarios.. "Toda unha xeración de youtubers, agora tamén de youtubeiras e youtubeiros!", destacan.
O acto de presentación estivo presidido pola vicerreitora de servizos Universitarios, Carmen Silva, tamén interviñeron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia; a concelleira de Cultura de Teo, María Pilar Pérez Faxil e o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña.
https://youtu.be/A55UtUqP1xA
Ningún comentario:
Publicar un comentario