Acumula unha perda de emprego do 13% desde 2008, máis profunda que a media estatal (9,9%) e a segunda maior por autonomías, despois de Asturias. O actual crecemento do número de ocupados en Galicia é máis moderado que o rexistrado no conxunto estatal. Seis de dez cada novos postos de traballo no último ano ocupáronnos mulleres. Cae o emprego entre os mozos e entre os que teñen menos formación.
Segundo os últimos datos oficiais, o número de ocupados en Galicia alcanza a 1.057.900 persoas, das cales 559.800 son homes e 498.100 son mulleres.
No último ano, os ocupados aumentaron en 18.900 persoas (+1,8%) e con este suman sete trimestres consecutivos con incremento interanual do emprego, feito que non se rexistraba desde setembro de 2008. Aínda así, é un crecemento máis moderado que o rexistrado no conxunto estatal (+2,7%). Neste período, todas as comunidades autónomas viron crecer a súa ocupación, de acordo co IV Monitor Anual Adecco de Ocupación.
MÁIS EMPREGO FEMININO
Seis de cada dez empregos creados en Galicia no último ano foron para mulleres, de acordo cos datos de Adecco. Así, a diferenza do que ocorría hai un ano, cando a creación de emprego beneficiaba aos homes (recibían 6 de cada 10 novos empregos galegos), agora son as mulleres as principais beneficiadas, segundo recolle este estudo. Mentres eles captaron 7.300 empregos (+1,3% interanual), as mulleres acapararon 11.600 postos (+2,4%).
Este é o mesmo caso do conxunto de España, onde a maior parte dos novos postos de traballo foi a parar ás mulleres. Elas lograron 262.600 prazas (+3,2%) e eles conseguiron 216.300 empregos (+2,2%).
Comparando a distribución xeográfica do emprego do terceiro trimestre de 2016 coa do mesmo trimestre de 2008, Galicia mantén a súa participación sen apenas cambios nun 10,5% (-0,2%).
AUMENTO DO EMPREGO ADULTO
Os empregos creados nos últimos doce meses en Galicia só beneficiaron a persoas de 25 e máis anos de idade (emprego adulto). O número de ocupados desa franxa de idade creceu en 19.600 persoas (+2%), mentres que se perderon 700 empregos de mozos (-1,7%).
No primeiro caso, é un incremento máis modesto que o obtido no estado (+2,7%). Pero no caso do emprego xuvenil, o resultado galego contrasta coa creación de emprego para persoas de entre 16 e 24 anos rexistrada en España (+1,9%).
A pesar de que o incremento galego do emprego de persoas de máis de 25 anos é menor que o do conxunto español, hai seis autonomías cun crecemento aínda máis débil que o rexistrado en Galicia.
En canto ao emprego xuvenil, oito autonomías destruíron emprego para esa franxa de idade, cinco das cales o fixeron de maneira máis severa que no caso galego.
Cando se desagrega por sexo os datos de cada grupo de idade, en Galicia dáse unha maior disparidade na evolución do emprego feminino. O emprego de mulleres de 25 e máis anos de idade ten un incremento interanual dun 2,8% (equivalente a 13.100 novas prazas), ao mesmo tempo que se perdeu o 7,4% dos empregos de mulleres novas (o terceiro peor resultado autonómico coa perda de 1.500 empregos).
En cambio, as variacións do emprego masculino seguiu a mesma dirección, cun incremento dun 1,2% no número de homes adultos con emprego (6.300 contratacións netas) e unha expansión dun 4,7% na ocupación de homes novos (1.000 novos postos).
CRECE NOS NIVEIS FORMATIVOS ALTOS
Ao falar de formación establécense catro grandes categorías: primaria, primeira etapa de educación secundaria; segunda etapa de educación secundaria e superior.
No último ano en Galicia creceu o número de ocupados nos tres niveles formativos máis altos. Concretamente, foron contratadas 3.700 persoas coa primeira etapa da secundaria (+1,1%), 13.100 coa segunda (+5,8%) e 14.200 con formación superior (+3,3%).
Estas contratacións contrastan coa perda de empregos entre quen conta con educación primaria (12.100 empregos menos; -20,2%, a segunda maior caída a nivel autonómico).
Isto é similar ao ocorrido na media estatal, pois no total de España tamén hai creación de emprego para as persoas dos tres niveles formativos superiores.
Os 1.057.900 ocupados que hai en Galicia se desagregan en 47.700 individuos con educación primaria; 331.300 persoas coa primeira etapa de secundaria; 238.800 coa segunda; e 440.100 persoas con formación superior.
Ao longo da crise aumentou o número de persoas traballando con educación superior, mentres caeu o de traballadores con menores niveis de formación. Canto menor o nivel formativo, máis profunda resultou ser a perda de emprego.
Así, ao longo do últimos oito anos a cantidade de ocupados con formación superior en Galicia creceu en 36.000 persoas (+8,9%) mentres que a daqueles con educación primaria reduciuse en 109.900 (-69,7%).
Ao mesmo tempo, a de quen conta coa primeira etapa da secundaria contraeuse en 61.100 persoas (-15,6%) e a dos que teñen a segunda etapa de secundaria minguou en 15.500 (-6,1%). Isto mesmo, con certos matices, é o que ocorreu en España e noutras once autonomías.
A participación no emprego de quen ten educación primaria reduciuse do 13% dos ocupados en 2008 ao 4,5% agora (-8,5 puntos porcentuais), ao mesmo tempo que a daqueles con primeira etapa de secundaria (31,3%; -1,2 puntos).
Este espazo foi ocupado por persoas con formación superior, que en 2008 dispoñían do 33,4% do emprego e agora concentran o 41,6% (+8,2 puntos) e por persoas coa segunda etapa da secundaria, que gañaron 1,5 puntos porcentuais para chegar agora ao 22,6% do total de empregos.
CAE ENTRE INMIGRANTES
Mentres o total de ocupados tivo un incremento interanual dun 1,8% en Galicia, a cantidade de ocupados de nacionalidade española mellorou un 2,1%. En cambio, a cifra de ocupados inmigrantes diminuíu un 6,4%. É dicir, mentres os españois residentes en Galicia captaron 21.400 novos empregos, os inmigrantes perderon 2.500.
Non todos os grupos de inmigrantes sufriron igual esta perda de emprego. O número de persoas ocupadas procedentes doutros países da Unión Europea CAEU un 11,3% (1.700 empregos menos), pero o descenso da ocupación daquelas de fóra da UE (terceiros países), foi dun 3,7%, moito máis moderada (perda de 900 postos).
En toda España, en cambio, o aumento interanual no emprego foi tanto para españois (+2,5%) como para inmigrantes (+3,8%), pero máis pronunciado no caso dos segundos. Ademais, tamén creceu o emprego para os dous grupos de inmigrantes: os de dentro da UE (+7,5%) e os de terceiros países (+1,5%).
Os 1.057.900 ocupados que hai agora en Galicia correspóndense con 1.021.400 españois e 36.500 estranxeiros (13.300 da UE e 23.200 doutras partes do mundo). Os inmigrantes equivalen ao 3,5% do total, tres décimas menos que hai un ano e nove menos que en 2008.
A proporción galega de ocupados estranxeiros é moi inferior á media estatal (10,9%), xa que Galicia é a segunda, por detrás de Estremadura, onde máis baixa é a participación de traballadores do exterior.
Ningún comentario:
Publicar un comentario