O escritor do Saviñao Xabier Quiroga consegue o premio de literatura Arcebispo San Clemente pola súa novela 'Izan o da saca'. 'Cicatriz', de Sara Mesa, foi o título gañador en lingua castelá e 'Irne, de Pierre Lemaitre, fíxose co galardón en lingua estranxeira
O escritor do Saviñao Xabier Quiroga sostén que gusta de vivir alleo ao mundo dos premios literarios, mais admite que sempre se agradece un recoñecemento como o que supón o Arcebispo San Clemente, concedido por un xurado de lectores adolescentes de Galicia e todo o mundo que elixiron a súa novela Izan o da saca como a mellor en lingua galega."Gañei en dúas ocasións o Premio da Crítica, que é moi prestixioso, pero xa me decato de que este San Clemente é diferente, que ten moitísima repercusión, axiña estivo nos medios, en internet, recibín chamadas...", dicía este mércores Quiroga desde Lalín, onde é profesor de instituto.
O flamante gañador do certame que desde hai 22 anos organiza o instituto Rosalía de Castro de Santiago comparte honras con Sara Mesa, cuxa novela Cicatriz foi a máis valorada en castelán, e con Pierre Lemaitre, vencedor en lingua estranxeira grazas a Inre.
Xabier Quiroga asegura que nunca pensara na súa obra como unha lectura para xente nova, "senón para persoas adultas e completamente formadas". A teor dos resultados, chancea con que ao mellor ten «que mudar de idea».
‘Izan o da saca’ (Xerais) convenceu a máis de 30 estudantes dos institutos Rosalía de Castro, da capital galega; de Ames; Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra; O Couto, de Ourense, e A Pinguela, de Monforte. Tamén participaron alumnos do Hockerill College de Londres, do Saint François Xavier de Vannes (Francia), do Grimmelshausen de Fráncfort (Alemaña), da escola de Santa Comba Dão (Portugal), do Napperville Central de Chicago e do colexio Rosalía de Castro de Moscova.
Porén, a Quiroga non se lle ocorrería recomendarlla aos seus alumnos do IES Laxeiro de Lalín: "Sería moi chocante que eu lles puxese esta lectura como obrigatoria. Outra cousa é que alguén quixese lelo porque lle apetece".
Este autor explica, asemade, que nunha ocasión, a súa editorial lle propuxo publicar unha novela, Era por setembro, na colección de xuvenil. El rexeitouno, malia ser consciente da importancia da prescrición escolar na lectura en Galicia. "Quero que as miñas historias as lean xente que as entenda. Ao mellor, por lela con certa presión, porque hai que facer un traballo e diso depende unha nota, consegues o efecto contrario ao buscado", sinala.
Izan o da saca é unha novela "galega, que fala do noso país, da nosa xente", que pescuda a pegada dos nazis en Galicia e que reflicte as súas consecuencias no presente. Malia que as súas xeografías puideron estar no Courel, Quiroga levounas ao terreo que mellor coñece —"San Martiño da Cova, o Cabo do Mundo, O Saviñao, Chantada, Monforte"— e, asemade, a outros puntos de Galicia, como Compostela, Melide, Samos...
Os estudantes destacaron onte na acta do xurado que Izan o da saca venceu en virtude duns personaxes trazados "con gran profundidade" e que son "redondos" e dunha estrutura e trama "bastante complexas". O feito de que se desenvolvan dúas historias paralelas "engancha", din.
A alumna que exerceu como voceira resaltou tamén que a lectura os fixo sentir "como investigadores" debido a utilizar fontes de información que fan a historia "moi verosímil" e que os obrigou a "contrastar" o narrado.
Sobre este aspecto, o autor apreza que talvez a proximidade á novela negra lle resultou atractiva ao xurado estudantil, ao tempo que incide en que a investigación do protagonista, o Reiniña, foi un traballo que fillo el mesmo con anterioridade, de xeito que a ficción cobre os ocos de feitos "reais" que teñen a súa orixe na Guerra Civil e na II Guerra Mundial.
Xabier Quiroga acolle o premio con satisfacción —"non no sentido de pendurarme medalliñas"— e confía en que o galardón serva para darlle un pulo á literatura galega e favorecer as traducións "aínda que sexan só castelán". Izan o da saca leva un ano fóra do prelo e tres edicións en galego, quizais co San Clemente "poida convencer algún editor".
Ningún comentario:
Publicar un comentario