mércores, 23 de novembro de 2016

COMUNICADO CONFAPA-GALICIA, FEDERACIÓN DE ENSINO DE CCOO DE GALICIA, FESP-UGT, IESGA, ESCOLA VIVA E STEG

O goberno do Partido Popular fixo público un borrador de Real Decreto
Lei co que dá marcha atrás ao seu prantexamento inicial de reválidas na
ESO e Bacharelato.
 
As organizacións CONFAPA-GALICIA, Federación de Ensino de CCOO de Galicia,
FeSP-UGT, IESGA e Escola Viva, integradas na Plataforma en Defensa de Ensino
Público de Galicia e STEG, queremos compartir co conxunto da comunidade
educativa e da cidadanía a nosa valoración sobre este proxecto e o novo escenario
que abre.
O abrumador éxito das mobilizacións do 26 de outubro promovidas pola Plataforma en
Defensa de Ensino Público de Galicia e pola Plataforma Estatal son a causa principal
que obriga a recuar ao goberno con respecto ás reválidas. Isto xunto coa aprobación o
día 15 de novembro no Congreso dos Deputados, dunha proposta para iniciar a
tramitación da Proposición de Lei sobre a suspensión do calendario de implantación
da LOMCE obriga ao goberno a ofrecer cambios demandados por toda a comunidade
educativa.
Con esta proposta de forma transitoria.
- A avaliación final de ESO tería unicamente carácter mostral.
- A avaliación final de Bacharelato non tería efectos académicos (non sería
requisito para titular) e versaría unicamente sobre materias troncais cursadas
no segundo curso.
As organizacións que emitimos este comunicado celebramos, pois, o inicio da
reversión da política educativa do goberno do Partido Popular. Aínda que o
consideramos insuficiente e esiximos a volta á PAU que garanta a igualdade de
oportunidades no acceso á calquera Universidade mantendo o distrito único.
Consideramos que desta forma pode iniciarse a recuperación da PAU. Estamos
convencidos de que os reitores das universidades galegas comparten connosco este
obxectivo e de que participarán activamente para conseguilo.
Por outra banda o vindeiro día 24 constitúese unha subcomisión no Congreso dos
Deputados para iniciar os traballos preliminares que culminen na redacción duna nova
lei consensuada e que dea estabilidade ao sistema educativo. As organizacións que
asinamos este documento seremos partícipes deste debate no proceso de
comparecencias nesta comisión. Esiximos que calquera Pacto político vexa reflectida
a opinión do conxunto da comunidade educativa.
Neste novo contexto obrigado polas nosas mobilizacións esiximos ao conselleiro que
defenda as propostas da comunidade educativa na vindeira conferencia sectorial do
28 de novembro. Da mesma forma pedimos aos partidos da oposición que introduzan
modificacións no debate parlamentario para acadar a eliminación das reválidas e a
restitución da PAU.
Os futuros orzamentos xerais no Estado e en Galicia deben contemplar a reversión
dos recortes en educación.
Estaremos atentos ao desenvolvemento destas propostas neste novo escenario. Pero
advertimos que non dubidaremos en promover novas accións reivindicativas no futuro
se non se avanza na eliminación das reválidas e na reversión dos recortes. Calquera
iniciativa mobilizadora debería ser acordada de forma coordinada por todos os
membros da comunidade educativa se queremos ter éxito no fin que perseguimos que
non é outro que a derrogación da LOMCE así como acadar unha nova lei educativa
baseada nos principios de equidade e xustiza social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario