A academia coruñesa Mi
Centro Alemán vén de pór en marcha o seu propio sistema
tecnolóxico para permitir a aprendizaxe de idiomas (aplicábel a
calquera outra materia) a través de videoconferencia compartida.
Este sistema, en palabras do centro “innovador e pioneiro”,
permite cousas como facer seguimento das clases en grupo ou
interactuar co profesor en director a pantalla duplo. Este tipo de
actividades, ademais, pódense levar a cabo dende calquera parte do
mundo. O único que se precisa para recibir as clases en liña é
termos conexión a Internet e uns auriculares (a cámara é optativa
aínda que recomendábel, sinala o centro de formación). A idea é,
en parte, sacar as clases das clases. Ou sexa, permitir que
aprendamos idiomas ou calquera outra materia dende un parque, unha
cafetería ou a nosa casa na aldea.
O sistema da academia con sede na Coruña foi
desenvolvido ao longo do último ano. Segundo indican os seus
responsábeis, xa funciona con éxito en varios casos e pode ser
aplicado ao ensino de calquera outro idioma ou materia.
Os creadores da tecnoloxía tamén salientan a
potencialidade destas clases. Ao fío disto, Adriana e Mathias
explican que “vivir nunha aldea pequeniña ou nun lugar con moi
poucos servizos xa non terá por que ser un atranco para recibir
formación axeitada en idiomas”. Segundo indican, a plataforma da
súa academia soluciona certos problemas achegados polas tecnoloxías
(por exemplo Skype) das que se dispuña até o de agora. Por exemplo,
facíase imposíbel con elas interactuar en directo co profesor tamén
por escrito. Agora, din, “coas nosas clases”, os alumnos poden
ver nas súas pantallas o exercicio ou exemplo posto polo educador e
escribir sobre el para que a continuación o profesor poida corrixilo
de contado.
Outra vantaxe da súa tecnoloxía é que permite
interactuar cun grupo. E explican: “As clases individualizadas cun
profesor son moi útiles, pero a nosa experiencia dinos que tamén é
preciso poder acudir a clases en grupo, interactuar cos outros
alumnos para practicar con eles e non só co profesor e o noso
sistema posibilítao”.
O centro rexistrou o seu sistema e quere explorar
diferentes e complementarias posibilidades de uso do mesmo porque,
como eles indican, “esta novidade tecnolóxica supón unha
revolución no ensino nas localidades máis pequenas e nun lugar como
Galicia, cunha poboación tan espallada, amosa múltiples
aplicacións”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario