O pasado mércores 26, o señor Rajoy anunciaba que
deixaba “en suspenso” e “sen efectos académicos” as reválidas da ESO e
de Bacharelato mentres non houbese pacto educativo. Ben pode ser que o
fixese de xeito preventivo debido á folga convocada por estudantes e
familias e as mobilizacións que se ían levar a cabo (con seguemento
maioritario nos centros de ensino público de Galiza, con cifras que
chegan a case o 100% de seguemento nalgúns centros e mobilizacións en
todas as cidades).
Aínda que moitos medios de comunicación (e
algunha que outra organización sindical despistada) valoraron como unha
medida positiva esta mostra do talante negociador do señor Rajoy, o
certo é que, de novo, intenta enganar toda a comunidade educativa, anunciando
unha medida que xa era coñecida, xa que esa “non validez curricular”
estaba contemplada tanto en normativa anterior coma no propio calendario
de implantación da LOMCE.
No STEG consideramos que non é abondo con
deixar en suspenso esta validez curricular das reválidas, teñen que
derrogarse por completo e en tódolos niveis educativos, como un primeiro
paso para a total derrogación da LOMCE, unha lei que, ademáis
de contar cun rexeitamento frontal de toda a comunidade educativa, agora
tamén conta co rexeitamento da maioría das deputadas e deputados do
Congreso dos Deputados.
Aínda así, O STEG vén de coñecer o borrador
da orde ministerial que vai desenvolver estas reválidas, e non podemos
facer outra cousa que denunciar todos os despropósitos que, segundo o
noso criterio, figuran en dito documento:
- En primeiro lugar, o feito de
non ter publicado en BOE esta norma case dous meses despois de comezar o
curso, é un sinal do desprezo da administración ao traballo do
profesorado e ao esforzo do alumnado, que levan dende o comezo de curso
preparando esta proba a cegas. E, aínda así, este borrador non concreta
absolutamente nada sobre como serán as probas nin as datas nas que se
celebrarán, o que dificulta enormemente a temporalización das
actividades extraescolares e excursións de fin de curso de innumerables
centros educativos.
- Chama tamén a atención a ausencia das
organizacións sindicais, representantes de familias e alumnado ou
movementos de renovación pedagóxica nos organismos consultados para a
elaboración desta orde. Semella que o pacto educativo que busca
o señor Rajoy é simplemente con administracións e partidos políticos,
ignorando reiteradamente a comunidade educativa.
- Coas matrices de especificacións (art. 3)
atopámonos con que se presenta aquí unha ponderación dos diferentes
estándares para cada materia ou bloque de contido. É dicir, o
traballo que se lle esixiu realizar ao profesorado da ESO para as
programacións ao comezo do curso, completamente a cegas e sen
indicacións, xa o dan feito dende o ministerio. De novo, un desprezo
polo esforzo do profesorado, que tivo que malgastar gran parte do seu
tempo para un traballo que agora non serve para nada.
No STEG volvemos a denunciar a constante ausencia
da atención á diversidade deste goberno que, neste borrador, se reduce a
un par de liñas (art. 4.2) nas que sinala que “no se computará como
periodo de descanso el utilizado para ampliar el tiempo de realización
de las pruebas de los alumnos con necesidades específicas de apoyo
educativo a los que se les haya prescrito dicha medida”. E como pensan
facelo? Cando vai descansar o alumnado con necesidades específicas de
apoio? A ninguén se lle pasou pola cabeza que é imposible, a non ser que
se teña a este alumnado realizando as probas durante dous ou tres días
máis? Ou nunha aula aparte?
-De novo, a ausencia clamorosa de medidas a levar a cabo para o alumnado que non sexa quen de superar as probas. ¿Que
pensan facer con ese alumnado que, tendo aprobado todos os cursos da
ESO non supera a reválida? Que repitan un curso que xa teñen aprobado?
Moito nos tememos que a súa única saída será a FP básica, que a
administración considera un vertedoiro para alumnado menos capaz e que,
lonxe de dotar coas medidas de apoio que este alumnado precisa, fica
desprovista de medios e de persoal, tal e como vimos denunciando dende
hai tempo.
-Un tempo de traballo menosprezado, coma no referente á revisión das probas (art. 10),
que volve a cargar sobre as costas dos docentes nunha época do curso xa
de por si delicada e sobrecargada de traballo burocrático.
-A referencia aos cuestionarios de contexto (art. 7) fai que nos asalten numerosas dúbidas: Que
tratamento reciben os cuestionarios de contexto? ¿Como é posíbel que as
probas se contextualicen na contorna do alumnado se xa están elaboradas
cando se pasen estes cuestionarios? Só podemos pensar que é imposíbel,
por non dicir ridículo, que se propoña unha proba estándar para todo o
alumnado de Galiza que reflicta a contorna próxima (art. 5.2), habendo
unha enorme variedade e dispersión na poboación. Imposíbel tamén
unificar unha proba destas características para o alumnado que viva en
zonas rurais, urbanas, costeiras, de montaña... Moito menos cando os
cuestionarios de contexto se pasan xusto antes de comezar as probas. Que
percorrido teñen os mesmos? En que derivan? Non se sabe.
E, por se todo isto fose pouco, volve aparecer (art. 11.1) un parágrafo que faculta a creación do ránking de centros que
levamos tanto tempo denunciando e que só a presión da comunidade
educativa conseguiu paralizar, de momento, onde se indica de xeito un
tanto gratuíto que “se considerará el contexto socioeconómico y
cultural...”, ao xeito daquel director dun xornal ianqui: “vostede escriba, da realidade xa nos encargaremos despois”.
Por todo isto, e por moitas razóns máis,
no STEG esiximos a derrogación total da normativa que regula as
reválidas, coma un primeiro paso para a derrogación da LOMCE, e
facemos un chamamento a toda a comunidade educativa a apoiar as accións
que se leven a cabo como protesta contra estas medidas e, en especial, a
continuar co boicot ás reválidas que maioritariamente se levou a cabo
en primaria nos dous cursos anteriores.
documento en pdf
Ningún comentario:
Publicar un comentario