A pasada fin de semana a Confederación de Anpas Galegas, da man da Federación Provincial de ANPAs de Lugo (FAPACEL) e mais da asociación de pais e nais do colexio courelao Poeta Uxío Novoneyra xuntou un bo número de familias e profesionais na Estación Científica do Courel (USC), en Seoane, para reflexionaren ao respecto do futuro do ensino no rural, pero sen ficar unicamente na cuestión do peche das escolas. A evolución dos centros educativos, pero tamén os factores socioeconómicos para fixar poboación no rural e as propostas políticas e sociais para inverter tendencias estiveron sobre a mesa a través de voces diversas: dende profesorado universitario como Narciso de Gabriel (UDC), Francisco Candia (USC) ou Belén Díaz (USC) ata docentes de ensino medio, representantes de entidades agropecuarias e as propias familias, representadas por ANPAS de todo o país.
As intervencións das forzas políticas "unifican a afirmación da existencia dun problema e a necesidade de tratalo dende unha perspectiva de país", din as ANPAS"Estivemos -explican dende a Confederación- a debater sobre a realidade do rural galego non só dende o punto de vista das infraestruturas do ensino, que semella ser a única e miope mirada que algúns representantes políticos son quen de ver; senón dende unha visión global de mantemento, conservación e recuperación" do medio rural. Foron, en total, unha ducia de exposicións entre as que houbo tamén lugar para as intervencións puramente políticas, as de representantes das catro forzas do Parlamento galego: Javier Vázquez, directivo do PP de Lugo, e as deputadas e deputado Luca Chao (En Marea), José Antonio Quiroga (PSdeG) e Olalla Rodil (BNG).
"O representante do PP non fixo propostas", lamenta a Confederación, se ben recoñece que "recoñeceu o problema" e "afirmou a súa vontade de escoita, o que en si mesmo representa un avance cualitativo sobre os silencios sistemáticos dese partido". As forzas da oposición, pola súa banda, "si presentaron os seus diagnósticos e as súas propostas" que "unifican a afirmación da existencia dun problema e a necesidade de tratalo dende unha perspectiva de país". Entre as conclusións, sinalan, "ficou moi clara a demanda xeralizada dunha lei educativa galega que inclúa a nosa propia realidade para ser estudada e valorada".
Nin "parque temático" nin "sacralizado"
Sobre a mesa destas xornadas estiveron tamén algunhas das propostas lanzadas a pasada semana polas propias familias da Montaña lucense. Dende concellos como Cervantes, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela o O Incio concretan as súas demandas na elaboración, por parte da Xunta, dun plan educativo específico que, entre outras cuestións, adapte as ratios para pechar escolas á realidade do rural. Trátase de manter escolas unitarias, pero tamén centros educativos de maior dimensión e para iso, advirten, non serve a regra pola cal "con menos de vinte ou vinte e cinco alumnos, quítase o profesor" e suprímese a aula, resume o alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, na liña do que diversas entidades veñen advertindo nos últimos anos.Familias do rural piden un plan específico que adapte parámetros como as ratios de profesoradoO mantemento de escolas e colexios, din, é esencial para fixar poboación e, polo tanto, para manter un rural que non torne en "parque temático para o turismo" ou nun "museo etnográfico". E isto, subliñan a Confederación de Anpas Galegas, non quere dicir que o rural deba ser "unha realidade que haxa que sacralizar para non tocala". Todo o contrario: cómpre "afirmar a súa adaptación ás novas realidades económicas e sociais" e "defender que termos no rural unha vida actualizada, moderna e profundamente galega é posible é desexable, e debe ser un obxectivo común ao que nos mover todos ao mesmo tempo, con todas as forzas". "Só tras esa actuación conxunta volverán as nenas e nenos ao rural, pularán as escolas e retornará a vida", resumen.
Feijóo gábase da creación das "casas niño", o proxecto para atender a infancia no rural lanzado pola Xunta tras propiciar a fin de Preescolar na CasaReivindicacións coma estas, que recollen tamén en boa medida as que veñen realizando dende hai anos colectivos locais e plataformas como a Mesa Galega de Educación no Rural serán, segundo Feijóo, "analizadas" pola Xunta. No entanto, ao remate do Consello do pasado xoves o presidente, alén de cuestionar a "calidade educativa" das escolas con pouco alumnado, chamaba a poñer o acento en que "Galicia xa é a comunidade con máis profesores por alumno de España" e lembraba proxectos do seu Executivo como as "casas niño", un programa para atender a infancia do rural en domicilios particulares que a Xunta comezou a despregar despois de propiciar a fin de Preescolar na Casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario