Será unha das diversas actividades que organizan algúns concellos, como o de Monforte, durante esta semana para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.
"O obxectivo é sensibilizar ós rapaces, queremos facerlles ver cando unha relación de parella está sendo sa ou non. A idea é que aprendan a quererse tal e como son, que non se deixen levar polos estereotipos de xénero e que aumenten a súa autoestima”, explicou a concelleira de Cultura, Marina Doutón.
A actividade dirixida ós escolares consiste en traballar os mitos do amor mediante o uso do rosco de pasapalabra: “o que se fai é dividir a clase en grupos mixtos e traballar coas definicións das diferentes palabras, que van estar relacionadas co amor romántico. Os rapaces terán que pensar no significado delas para responder a palabra correcta. Será seguindo a idea do programa televisivo que todos coñecemos.
Logo, a idea é preguntarlles se saben o que teñen en común”, indicou a concelleira de Cultura. Unha técnica e un axente de Igualdade son os encargados de impartir este obradoiro. Marina Doutón engadiu que “dende o Concello pensamos que esta é unha idea moi interesante para traballar cos escolares. Os datos reflicten que a violencia de xénero na adolescencia está en aumento e cada vez en idades máis temperás, por iso, consideramos que iniciativas coma esta poden axudar a atallar o problema”.
Outras actividades para rexeitar a violencia
O Concello de Monforte ten previstas outras actividades para conmemorar o Día Contra a Violencia de Xénero como colocar un lazo branco na Torre da Homenaxe, instalar unha mesa cun libro de sinaturas do 21 ó 30 de novembro ou ler un manifesto e reparto de lazos para simbolizar o rexeitamento á violencia de xénero. Tamén haberá unha sesión formativa sobre a implicación dos menores vítimas da violencia de xénero nos procesos xudiciais. Será na Sala de Actividades do Centro Cívico Social o xoves, 24 de novembro, de 12 a 15 horas. Estará a cargo da responsable de coordinación da Fundación Meniños de Ourense, Yudit González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario