mércores, 2 de novembro de 2016

Galicia innova na aprendizaxe de CC. Naturais a golpe de clic

O Centro de Supercomputación (Cesga) desenvolveu unha ferramenta para usar en colexios // Con móbil ou tablet os alumnos poderán observar e analizar os cambios na natureza // Participan catro países da U.

Que as novas tecnoloxías son unha potente ferramenta para usar na aula é ben sabido. Abren novas posibilidades de aprendizaxe para os estudantes, resultan máis atractivas que un libro para os mozos nativos dixitais e, ademais, contan cunha potente rede de información detrás que une a individuos de diferentes cidades ou países. O problema, en ocasións, é que non hai aínda ferramentas desenvolvidas en todos os ámbitos ou as que existen non están pensadas para todos os públicos.
Desde Galicia, co Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) como alma máter, está a desenvolverse unha ferramenta pioneira para o uso sinxelo das tecnoloxías da información xeográfica nos colexios coa que poder analizar e aprender sobre os cambios da natureza.  Baséase nas Tecnoloxías de Información Xeográfica (TIG) e está dentro dun proxecto europeo Erasmus+, na parte de proxectos innovadores do ámbito escolar, que desenvolve un programa piloto desde catro países.
PhenoloGIT deseñará, construirá e probará unha plataforma educativa, co apoio da tecnoloxía móbil máis actual e TIG, para que sexa utilizada por profesores e estudantes nos centros de Primaria e Secundaria. A plataforma permitiralles non só recoller observacións científicas de flora e fauna na súa contorna local dunha forma divertida e intuitiva, senón tamén adquirir coñecemento complexo creando e compartindo información mediante ferramentas educativas deseñadas para a contorna educativa que permitan a análise e a reflexión. Compartirase entre os catro países e poderán analizar, por exemplo, as diferenzas da floración das mouras ou a aparición de mariquitas nos catro países participantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario