martes, 3 de febreiro de 2015

Xa hai usuarios realizando chamadas de voz a través de WhatsApp

Dende WhatsApp levan tempo anunciando que están a preparar a posibilidade de realizar chamadas de voz dende a propia aplicación, e aínda que tiveron que admitir que tal desenvolvemento levaba certo retraso, finalmente está a dar sinais de vida, e xa hai usuarios que están a probar as chamadas de VoIP a través da popular aplicación móbil.
Polo que podemos ver, ao activar esta funcionalidade a aplicación muda a súa estética, dividíndose en tres fichas (con chamadas, chats e contactos respectivamente) para facilitar a xestión de chamadas de voz mediante redes de datos, o que podería converterse en todo un fenómeno nos vindeiros meses dada a impresionante base de usuarios cos que conta WhatsApp (pois aínda que outras ferramentas xa contaban con tal posibilidade, o seu número de usuarios é moi inferior).
Están a circular pola web as instrucións para poder activar esta nova funcionalidade dende smartphones con root que teñan instalada a versión 2.11.508 da aplicación, aínda que cómpre recomendar prudencia antes de seguir estes pasos, xa que WhatsApp podería tomar medidas para evitar o uso non autorizado desta funcionalidade en probas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario