venres, 13 de febreiro de 2015

O PSOE traslada ao Parlamento os danos polas humidades no CEIP de Silleda

O PSOE rexistrou onte no Parlamento unha pregunta na que interpela á Xunta sobre o estado en que se atopa tanto o CEIP de Silleda como o da Bandeira. O primeiro sofre desde hai anos problemas de filtración de humidades, pero nos últimos meses agraváronse os danos, pese tanto ás reformas que se fixeron recentemente como a que o inverno non está a ser moi chuvioso.
A edil de Educación, Pilar Peón, compareceu onte xunto ao parlamentario socialista Pablo García, e a presidenta e secretaria da ANPA; Rebeca Vivas e Marta Agra. A concelleira apuntou que houbo que trasladar a situación ao Parlamento despois de realizar trámites infrutuosos ante a Consellería de Educación: tras solicitar en decembro unha reunión co xefe territorial, César Pérez, en xaneiro contéstaselle que haberá un encontro a finais dese mes ou no presente febreiro. "Pero non me contestan, así que devolvo a chamada e respóndenme que todos os casos son urxentes".
Para Pablo García é moi alarmante o pensar que hai casos máis extremos que o do CEIP de Silleda. No colexio trasdezano as filtracións de auga están oxidando as xanelas e obrigaron a retirar as lámpadas nalgunhas aulas para evitar cortes de luz. Por iso, moitos nenos teñen que usar estas dependencias case ás escuras "e convivindo co moho", lembra Pilar Peón. O CEIP ten 356 nenos, que agora ademais teñen que turnarse para usar o comedor "ou ben comer hacinados", despois de que houbese que inutilizar unha mesa, tamén polas humidades. A cuberta do comedor é de madeira e xa se cambiou en 2012, pero a humidade afecta de tal forma que xa hai risco de que se desprenda algún panel. A presenza de pingueiras de auga chega mesmo ao corredor interior que une as dúas ás do edificio. O chan está mollado de forma constante, co que é máis que probable que os nenos escorreguen nel. Por encima, a caldeira de calefacción, con máis de 23 anos, non achega a calor suficiente para todo o edificio.
O CEIP trasdezano, como calquera outro centro, dispón de dúas contas, unha para funcionamento e outra para o comedor. Na segunda existe un remanente de 120.000 euros. Unha opción para afrontar as reformar é derivar parte da contía a estes arranxos "e a un seguimento correcto dos mesmos", apunta Rebeca Vivas. Proponse que Educación tome parte desta contía para realizar as reformas, sempre reintegrando o diñeiro para a conta á que foi asignada nun principio e garantindo así que os nenos sempre van comer ben.

Ningún comentario:

Publicar un comentario