mércores, 18 de febreiro de 2015

Mestres xubilados cobren o baleiro da pública en Pontedeume

 Imparten clases de reforzo a alumnos con necesidades educativas na sede do PSdeG.

Din que a súa intención é encher os ocos que deixan os recortes aos programas de reforzo con beneficencia educativa e sen facerlles a competencia as academias privadas. Máis ben, expoñen, detectaron unha necesidade entre varios escolares do seu pobo e estaa a cubrir "para suplir as carencias da Administración". Dous profesores xubilados, na órbita da agrupación socialista de Pontedeume, volveron esporadicamente ás aulas por vocación e sen retribución.
Tres tardes por semana dan clases particulares a unha ducia de alumnos de Primaria e da ESO cuxas familias non podían custearlles unha pasantía. Comezaron a finais do 2014 e en poucos días pasaron de catro a 13 rapaces aos que ensinan nunha sala da agrupación socialista local, na praza do Concello, que despexaron de siglas para que sexa un cuarto para a aprendizaxe, libre de doutrina política.
Detrás desta idea de clases particulares sen custo están Maricarmen Ojea e Manuel Carpente. Foron mestres durante décadas en dous colexios públicos da bisbarra, en Andrade (Pontedeume) e Ferrol. Xa retirados da docencia, queimáballes a idea de non poder investir a súa experiencia en apoiar a estudantes con necesidades educativas adicionais, fillos de familias que non podían custearlles un profesor de apoio á marxe do horario lectivo. Entre os colexios de Canido e A Laxe, en Valón (Ferrol), medio centenar de nenos quedaron este 2015 sen clases de reforzo, segundo as Anpa.
Carpente e Ojea dividiron os seus alumnos en dous grupos por cursos e idades: un ata 5º de Primaria e outro para a ESO "Isto é un pobo e aquí coñecémonos todos e sabemos a situación de moitas familias", explica Bernardo Fernández Piñeiro, voceiro do PSOE local. "Non é unha cuestión política", insiste, "o desexable é que fose a Administración, pero, en vista de que está ausente, estes profesores afiliados formulárono e ao momento, dixemos que si porque os nenos demandaban ese reforzo extra".
Empezaron fai mes e medio con catro alumnos e xa pasan dunha ducia. "Sempre son fillos de familias que non están en situación de pagar unha academia", subliña Fernández. Os escolares acoden tres veces por semana para clases dunha hora ou máis. A agrupación socialista corre cos gastos do material e outros tres profesionais (unha psicóloga, unha pedagoga e outro mestre) xa se ofreceron para colaborar.
"Xa nos derivaron a unha nena dende Asuntos Sociais e outras veces son os profesores os que nos comentan que hai alumnos aos que lles viría moi ben un reforzo que os seus pais non lles poden pagar e que o colexio non lles pode ofrecer porque lle falta persoal", remata Fernández. Considera que, aparcando as siglas, é unha "fórmula útil" de aproveitar os seus recursos políticos para garantir o dereito dos escolares a aprender.

Ningún comentario:

Publicar un comentario