venres, 20 de febreiro de 2015

Día internacional da lingua materna

Cada 21 de febreiro celébrase en todo o mundo o Día da lingua materna, proclamado pola UNESCO en 1999, coincidindo coa data en que en 1952 a policía e mais o exército paquistaní abriron fogo contra unha multitude de falantes bengalís que se manifestaba polos seus dereitos lingüísticos, vinte anos antes da independencia de Bangladesh, na súa capital Dhaka. Defendían a súa lingua materna, a primeira, a que aprendemos desde ben pequeniños.

No noso país, en 2015, sesenta e tres anos despois, a lingua galega é a máis falada, pero segundo os últimos datos sobre o uso do noso idioma estamos asistindo á súa substitución como lingua materna maioritaria, rompéndose a cadea de transmisión interxeracional, e provocando deste xeito a maior ameaza da historia para a súa supervivencia.

Tecnicamente pódese expresar dicindo que, a cada ano que pasa, temos menos  paleofalantes, que son as persoas que falan unha lingua desde que naceron. Pola contra, a quen se instalan nun idioma na idade adulta, chámaselles neofalantes.

Neo- e paleo- son dous prefixos de orixe grega de sobra coñecidos, porque entran na formación de multitude de palabras, sobre todo a partir do XIX. Ambos os dous eran na lingua de orixe palabras plenas, os adxectivos neós e palaiós, mais co tempo desenvolveron unha forma abreviada que logo se fixou como constituínte de palabras derivadas: o neo- é o ‘anovado’ ou ‘novo’, como en neotrobadoresco ou neófito, mentres que o paleo- é o ‘antigo’ ou ‘histórico’, tal que en paleontólogo ou paleobotánica. Cando se xuntan con falante -derivado do latín fabulare, que signficaba ‘falar’, ‘entreterse co diálogo e a conversa’- serven para etiquetar dous tipos de galegofalantes definidos pola súa lingua de partida (lingua inicial ou lingua primeira), e tamén pola súa relación co idioma que utilizan, sempre ou maioritariamente: como quedou dito, os paleos son competentes na lingua do país por adquisición desde os primeiros meses de vida, os neos acadan a competencia por aprendizaxe, xa medrados, e esta distinción ten tamén consecuencias no tipo de lingua que empregan uns e outros. Así, os especialistas din que os paleos gañan en fonética e sintaxe, mentres que os neos sobresaen por coidaren a morfoloxía e o léxico.

O novo galego será neofalante, ou non será, chegou a dicir o escritor Sechu Sende. Aínda está nas nosas mans quitarlle a razón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario