A empresa galega Tegnix,
centrada en ferramentas avanzadas de xestión arredor do software
libre, comezou o ano cun ambicioso proxecto de administración de
sistemas baseado en GNU/Linux e directamente encamiñado a centros
educativos e PEME, o proxecto Control Suprimir. Trátase, máis polo
miúdo, dun paquete que integra "todo o que poidamos precisar
nas ditas contornas, a docente e a empresarial, en materia de
mantemento". O servizo achégase en
múltiples modalidades, dependendo do volume da infraestrutura á que
dar servizo e partindo da seguinte base: tres euros mensuais por
equipo para centros educativos con máis dun cento de computadores
persoais. Para as necesidades máis específicas das empresas, e
xeralmente máis esixentes, pártese da modalidade dos 19 euros por
equipo ao mes. Estes días, precisamente, Tegnix habilitou unha web
de seu con todo o que precisamos saber sobre esta achega tecnolóxica
en aberto: controlsuprimir.com.
No que se refire a
funcionalidades concretas, Control Suprimir fornece os seguintes
servizos para os centros educativos: importación de contas dende o
Xade, intercambio de ficheiros con permisos individuais ou por
grupos, copias de seguridade automatizadas e proxy (navegación
Internet máis rápida).
No que atinxe aos
servizos básicos para as empresas e profesionais, son estes: xestión
completa de contas de usuario, intercambio de ficheiros con permisos
individuais ou por grupos, copias de seguridade automatizadas e proxy
(navegación por Internet máis rápida).
Inclúese, en ámbolos
dous casos, unha completa listaxe de posibilidades e vantaxes. Por
exemplo: xestión do software libre automatizada (instalación,
desinstalación e/ou configuración), seguimento e control de todos
os equipos con mantemento preventivo e métodos para evitar eivas ou
fallos, resolución de incidencias de software libre instalado e
mantemento de hardware.
Ningún comentario:
Publicar un comentario