xoves, 5 de febreiro de 2015

Telefónica reformula a súa filial de ensino en liña, Telefónica Educación Dixital

A operadora Telefónica vén de anunciar que a súa filial centrada en solucións de aprendizaxe telemática (elearning), Telefónica Learning Services, será coñecida a partir de agora cun novo nome, Telefónica Educación Dixital. Este cambio, sinala a compañía, forma parte dun labor de transformación máis amplo no seo da devandita filial, que se atopa mergullada na adaptación ás novas oportunidades de negocio no ámbito global da ensino. A empresa resultante, sinálase, constitúe “a evolución dunha entidade que conta cunha traxectoria de máis de 14 anos ofrecendo solucións de formación online e educación dixital a empresas e organismos públicos a nivel internacional”.
Telefónica Educación Dixital pretende captar novas oportunidades no sector da educación tanto en ámbalas beiras do Atlántico e fornecer un enfoque “que vai máis aló dunha compañía de formación en liña, achegando máis a marca ao mercado da educación dixital en termos globais (ámbito universitario e escolar) e asociándoa a un concepto aínda máis amplo e actual”. Segundo lembra a operadora, o ano que vimos de deixar atrás a filial educativa acometeu un importante proceso de medre, situándose arestora con 400 empregados en cinco países (España, Colombia, Chile, Perú e Brasil), 300 clientes e 4 millóns de alumnos en distintas plataformas. Ademais, desenvolve a través da factoría de seu máis de 20.000 contidos ao ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario