A maioría dos partidos esixen a retirada do proxecto, como aconteceu coa LOMCE
Os grandes cambios educativos do Goberno do PP adoitan alcanzar o consenso, pero á contra. O groso da oposición votou este xoves no Congreso dos Deputados a retirada do decreto que permite acurtar as carreiras universitarias a tres anos e que amplía os másteres de dous anos fronte ao modelo actual de graos de catro anos. PSOE, Esquerda Plural, UPyD, Foro de Asturias, PNV, Amaiur e BNG avalaron esa retirada. CiU e ERC abstivéronse e só o PP, con maioría na cámara, evitou que prospere a moción promovida polos socialistas.O decreto das carreiras, que se aprobou en xaneiro e permite ás universidades adherirse de forma voluntaria e sen data de inicio, suscitou o rexeitamento da conferencia de reitores (que aprobou unha moratoria de dous anos) e do Consello de Estado, que pediu que o cambio se fixese con consenso e afeou as présas ao ministerio.
En xullo de 2013, dez grupos políticos asinaron para derrogar a Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) ou lei Wert, un acordo que aínda segue vixente. UPyD e os dous deputados de UPN e Foro Asturiano quedaron fóra daquel acordo.
O segundo gran cambio educativo da lexislatura volve espertar o rexeitamento xeneralizado da oposición. Para Angelina Costa, deputada do PSOE e defensora da moción para tombar o decreto no Congreso, o cambio serve para "poñer unha alfombra ás universidades privadas, que nacen como cogomelos e algunhas con calidade moi discutible," segundo sinalou durante a sesión do debate deste mércores.
A deputada popular Sandra Moneo defende o decreto recordando que os propios reitores reclamaron unha "posición máis flexible" cando se implantou en España o modelo de catro anos de grao en 2007, fronte ao xeneralizado modelo mixto da maioría dos países europeos. Moneo rexeita que os títulos españois "se vaian a desvalorizar" cun ano menos.
Carlos Martínez Gorriarán (UPyD) defende que prexudica á unidade do sistema educativo se cada universidade vai facer o que lle pareza" e que con esta reforma haberá "títulos de primeira, de segunda e de terza".
CiU, que se abstivo, defende que o sistema flexible é "necesario para Cataluña". "O problema non son os graos de tres anos, son as formas", segundo o deputado catalán Martí Barberà. Algunhas universidades catalás poñerán en marcha os primeiros graos de tres anos a partir de 2016, un ano antes do que acordaron na conferencia de reitores.
Varios deputados, como Teresa Jordà (ERC), subliñan o "encarecemento" que supón este modelo. O prezo que pagan os estudantes por un ano de máster é, de media, o dobre que o dun curso de grao. O equipo de Wert defende que as familias aforrarán ata 150 millóns de euros se todas as carreiras se acurtan e estudan un ano menos de título. Para Isabel Sánchez Robles (PNV) trátase dunha "pura e dura operación de redución de custos" pero para a Administración.
María Caridad García Álvarez (Esquerda Plural), rexeita, como a conferencia de reitores, que o novo modelo se aprobe sen avaliar o sistema actual, cuxos primeiros graduados remataron de forma xeneralizada o curso pasado. "Sen avalialo o señor ministro decidiu que fracasou", sinalou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario