Que unha das cousas que máis fan os cativos cando lle poñen
unha tableta diante é usar YouTube é algo que non se lle escapa a ninguén, e
precisamente por iso están a preparar unha nova
aplicación para dispositivos Android, YouTube Kids, que verá a luz o vindeiro
luns, e que incluiría contidos aptos para menores, para tranquilidade dos
pais.
Dende YouTube aseguran que mentres o crecemento interanual de tempo de
visualización de vídeos en YouTube medra de media un 50%, no caso de contidos
familiares o crecemento está no contorno do 200%, de aí que teñan iso moi en
conta á hora de facer de YouTube un lugar o máis familiar posible.
A aplicación contará cunha interface minimalista, que faga que os pequenos non
se distraian con elementos como os comentarios dos usuarios, á vez que tamén
integrará sistemas de control parental que permitan, por exemplo, que a
aplicación deixe de funcionar tras certa cantidade de tempo.
YouTube Kids presentará en portada programas televisivos para os máis pequenos,
temas musicais, vídeos educativos e outros contidos populares, guiando aos
pequenos a través dun amplo catálogo de contidos, para o que contan cunha
interface con elementos de grande tamaño para facilitar o seu uso cos dedos e
incluso a posibilidade de realizar buscas mediante ordes de voz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario