venres, 6 de febreiro de 2015

25 e 26 de febreiro Folga Xeral de Estudantes

Non lles vale acabar coas bolsas, non lles vale coa LOMCE, non lles vale con subir brutalmente as taxas. Este goberno moribundo quere acabar co noso dereito a estudar na universidade, expulsar das súas aulas a todos os que non sexamos de familias podentes. Pero non o imos consentir. Todos xuntos, dende todas as facultades e institutos, ímoslle dar unha lección a Wert, un ministro desacreditado e toleado. Imos derrotar o seu decreto 3 +2 co que pretende a completa privatización da universidade pública, e que só teñan un titulo universitario os que poidan cursar dous anos de máster, gastándose miles de euros para maior beneficio dos empresarios das universidades privadas.
O novo decreto de Wert pretende expulsar da Universidade os fillos dos traballadores
Aproveitando as datas, en plenos exames na universidade, Wert aprobou a hurtadillas o famoso decreto 3 +2, un novo ataque que devolverá a Universidade aos tempos nos que só unha minoría privilexiada podía acceder a ela, pechándonos o paso á inmensa maioría, aos que provimos de familias traballadoras.

Con esta medida o Ministerio de Educación eliminará titulacións e fusionará graos. Reducirá a tres anos os títulos de grao na Universidade, que agora son de catro anos ou 240 créditos. A redución dos graos a 180 créditos ou tres cursos supoñerá a súa completa depreciación convertendo este título en papel mollado para o mercado laboral. Se queremos ter unha licenciatura real, de verdade, con este decreto 3 +2 verémonos obrigados a cursar dous anos de máster (actualmente un ano) con prezos impagables para a maioría. Ademais pretenden que o decreto entre en vigor este mesmo ano, en setembro, afectando tanto aos novos alumnos como aos que xa hoxe están matriculados na universidade.

Despois de recortar máis de 1.500 millóns de euros ás universidades públicas, e dun incremento brutal das taxas cos que xa expulsaron máis de 45.000 estudantes universitarios nos dous últimos anos, este decreto é unha volta de rosca decisiva cara á privatización. O custo dos másters dun ano na Universidade Complutense de Madrid, a primeira en número de alumnos, oscila entre 4.000 e 7.000 euros anuais. A partir da entrada en vigor do novo decreto, no curso 2015-2016, teriamos que afrontar o pagamento de dous anos de máster, ademais dos tres anos anteriores de grao, cunhas taxas desorbitadas. Quen poderá pagar os 20.000 euros que custará o título universitario? Mentres o PP segue mentindo ao dicir que esta reforma é para equipararnos con Europa, esquece mencionar que en 23 países europeos o acceso á Universidade é gratuíto ou a prezos baixos, como por exemplo en Francia, onde un ano de matrícula custa unha media de 181 euros.
É o ataque máis grave en décadas, que culmina todas as contrarreformas educativas que o PP estivo a aprobar para rematar co noso dereito ao estudo, para impoñer o seu modelo mercantilista e elitista para xúbilo das grandes universidades privadas que xa se están a fregar as mans con esta nova proposta. Aínda que as universidades privadas só matriculan en torno ao 10% dos estudantes de grao, a situación cambia nos másters, onde alcanzan o 38%. Con este decreto os petos das universidades privadas encheranse aínda máis. Dende o Sindicato de Estudantes defendemos que a Universidade Pública sexa gratuíta, como xa sucede en 11 países europeos do noso ámbito.
Para o PP sobran universitarios de familias traballadoras. Queren expulsarnos o mercado laboral o antes posible, sen cualificación, sen gastar un céntimo de euro na nosa educación, para someternos á explotación máis salvaxe, botarnos ás listas do paro crónico ou empurrarnos ao exilio económico.
Hai que poñer de pé todas as facultades, todos os institutos!
25 e 26 de febreiro folga xeral de estudantes
Todos ás manifestacións!
Dende o Sindicato de Estudantes chamamos a toda a xuventude, a todos os colectivos estudantís, aos nosos profesores e a todos os cidadáns, á loita, á mobilización máis contundente e extensa. Propoñemos celebrar miles de asembleas, encerros e concentracións e os días 25 e 26 de febreiro unha gran folga educativa, en secundaria e universidade, que baleire as aulas e encha as rúas. E se o goberno non retrocede inmediatamente, volver con forzas redobradas o 17 e 18 de marzo. O que está en xogo é moito para permanecer pasivos.

É unha situación de máxima emerxencia. Os estudantes imos demostrar que non nos dobregamos ante este goberno de corruptos e ladróns. Pero esta loita incúmbenos a todos, porque de aplicarse tamén haberá miles de despedimentos de profesores. Por iso, dende o Sindicato de Estudantes facemos un chamamento aos sindicatos do profesorado, ás organizacións de nais e pais, a estar ao noso lado e convocar estas mobilizacións connosco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario