martes, 10 de febreiro de 2015

Marcos Maceira: "O que importa agora é o traballo que comeza a partir de hoxe"

A manifestación foi “masiva e multitudinaria”, di o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística da convocatoria que o domingo inundou Compostela cun berro a favor do futuro do galego. Confía en que se recupere o protagonismo social da lingua. 

-Como valora a resposta á manifestación do domingo en Compostela?
A resposta foi masiva e multitudinaria. Compostela quedou bloqueada pola maré de xente e os propios medios de comunicación, coa información da policía, din que coa praza Quintana chea a manifestación tiña aínda un percorrido de dous quilómetros polas rúas da cidade. A resposta foi, desde logo, a que cómpre para poñer a andar os medios para que o galego recupere o espazo que lle corresponde. O que importa agora é o traballo que comeza a partir de hoxe, que vai ser tenso e intenso, mais coa resposta de onte sabemos que se vai conseguir.
-No seu discurso insistiu en que a forza da xente se pode reverter a situación do galego.
É preciso recuperar o protagonismo social na lingua. Se o galego conseguiu recoñecemento legal é porque houbo un amplo respaldo social e neste momento de ataque a esa oficialidade formal é tempo de reaxir e facer do galego unha lingua oficial real e non oficiosa.
-Representantes de distintas forzas políticas e sociais participaron na mobilización. A unidade pola lingua é posíbel? 
Deuse unha mostra da pluralidade que existe na sociedade galega. Víanse pancartas e bandeiras diferentes, de todo tipo de cores, e creouse un ambiente representativo da sociedade galega. Podemos dicir que hai unidade arredor da lingua como elemento fundamental para a existencia de Galiza como pobo.
-O goberno da Xunta respondeu diante desta chamada de atención a súa política lingüística?
Coñecemos as declaracións que o presidente Feijóo fixo na súa asistencia á Feira do Cocido de Lalín na que cinicamente dixo que a situación é de desquilibrio fóra das aulas. Insiste en declararse irresponsábel da exclusión do galego dentro das aulas onde se reduciu a súa presenza ou onde hai materias nas que está prohibido, mais tamén fóra delas onde a Xunta non só renunciou a calquera actuación a favor do galego, senón que directamente o ataca. Pediu tamén reflexión e nós pedímoslle que sexa el quen reflexione sobre o que leva feito nestes seis anos contra o galego, sementando prexuízos que non había e lexislando contra el. Efectivamente pode haber acordos en torno á lingua, hóuboos de feito no pasado, mais cómpre que non fiquen en papel mollado, en intencións para non se cumpriren. En todo caso, estamos dispostos a botalos a andar mesmo co absentismo do goberno. Sabemos que non contamos co seu apoio, mais a forza da xente demostrou que estamos dispostos a seguir até as últimas consecuencias. A partir de hoxe mesmo é importante organizarse e traballar xuntos, cada un no seu ámbito, mais tamén con ánimo colectivo, para que a nosa lingua teña futuro.
-Que significa ese traballar de maneira conxunta?
Que o activismo que se demostrou onte ten que se manter no tempo, para organizarnos, reclamar, denunciar e esixir en todos os lugares onde o galego está excluído. Coa nosa capacidade de presión temos que demandar que o galego estea presente nos espazos nos que está a ser marxinado. Falo de recuperar o protagonismo social para normalizar a lingua, coa enerxía que nos dá a participación masiva na manifestación do domingo. Que os que estabamos onte sexamos activistas do idioma, participando nas entidades que compoñen Queremos Galego ou na propia Mesa pola Normalización para xuntar todas as mans a favor da lingua.  A nosa capacidade de presión pode ser quen de mudar no máis inmediato e tamén  facer presión para que o goberno mude a súa postura contra a lingua. En todo caso, falamos galego, temos dereitos e temos que poder exercelos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario