venres, 27 de febreiro de 2015

Cooperativismo cultural: cultura man con man

Cristina González (Nova Xestión Cultural) e Marcos Lorenzo veñen de publicar Cooperativismo e cultura; unha alianza necesaria, un informe que analiza cooperativas culturais galegas e do resto do mundo para sistematizar un conxunto de "boas prácticas" para as entidades e de "recomendacións" para as administracións, salientando os beneficios que presenta a colaboración entre as empresas cooperativas e o ámbito cultural ou artístico e debullando un bo número de iniciativas que poden servir de exemplo e inspiración para entidades xa en marcha ou para novos proxectos.
O estudo, que foi encargado pola Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Xunta de Galicia, parte da evidente "medranza sostida, mesmo en época de crise, na creación de novas cooperativas en Galicia, e en particular no sector da cultura" e tamén da confianza en que existe unha gran "complementariedade" entre o sector cultural e as fórmulas da economía social". O documento constata o carácter fortemente atomizado do sector cultural en Galicia con 5.400 empresas para ao redor de 21.300 traballadores e traballadoras, e as dificultades que atopa, sobre todo nos últimos anos, á hora de financiarse e asegurar a profesionalización das súas actividades.
Neste senso Domínguez e Lorenzo escriben que "en tempos de cambio, non é doado atopar solucións, pero si é necesario analizar alternativas e repensar os modelos e estruturas tradicionais" e conclúen que "o modelo cooperativo, en xeral, aposta por outros valores e outras formas de relacións humanas e empresariais baseadas na colaboración e a cooperación".

Exemplos de éxito e recomendacións para as administracións

Os autores analizaron un total de 200 cooperativas culturais de todo o planeta, das que seleccionaron 25, cunha importante presenza de experiencias de Latinoamérica, así coma de entidades vascas, catalás, andaluzas e madrileñas. De igual xeito, buscaron iniciativas públicas de fomento do cooperativismo no sector cultural, aínda moi escasas. Analizaron tamén 15 iniciativas galegas: Ailalelo, Cestola Na Cachola, Conservatorio Historico De Santiago, Cooperativa De Cine, Documental, Culturactiva, Dallequedalle Coworkng, Editorial Trymar, Hábitat Social, Maos Innovación Social, Melandrainas Creativa, Numax, O Cable Ingles, Sonaxe, Teixugo, Trespés e Urdime.
Entre todas elas foron sinalando un conxunto de boas prácticas para as entidades, por exemplo o fomento das unións e federacións de cooperativas, ou a realización de accións comerciais conxuntas por parte da cooperativas culturais galegas. E tamén de "recomendacións" para as administracións, entre as que destacan, por exemplo, "a necesidade de deseñar políticas conxuntas desde os diferentes departamentos do ámbito institucional" ou a posibilidade que dende as administracións públicas se desenvolvan "produtos financeiros de risco para a cultura". Tamén incorporan algunhas demandas recollidas das propias cooperativas galegas, coma a existencia de axudas específicas ao cooperativismo cultural, o asesoramento profesional en xestión cultural e xestión empresarial, a formación en xestión cultural, a contratación pública prioritaria das cooperativas ou a creación de cooperativas de segundo grao para estimular a colaboración entre cooperativas culturais.
No eido lexislativo, o estudo fai referencia a tres exemplos xa en marcha: o recoñecemento na lexislación portuguesa das especificidades das cooperativas culturais, a existencia de cooperativas público–privadas, tamén en Portugal, para a provisión de servizos de utilidade pública e a recente creación da figura da cooperativa de impulso empresarial en Andalucía.

Conclusións

Entre as conclusións destacan que "a profesionalización da cultura pasa polo formato cooperativo como modelo", entre outros motivos porque "favorece mecanismos de colaboración entre persoas e entidades; a unión fai a forza e contribúe a unha maior visibilidade do sector e crea comunidade", ou porque "permite compartir recursos, aforrando custos e creando economías de escala". Ou, igualmente, porque "asenta e dignifica o traballo profesional agora desenvolvido por axentes que, ou ben traballan por conta propia de forma irregular ou por entidades sen ánimo de lucro pero que ben poderían prestar servizos de forma estable".
E salientan, como corolario, que "o control do mercado cultural de masas por grandes grupos multinacionais que perseguen unha determinada taxa de ganancia deixa ocos sen atender para proxectos de proximidade que coiden e impliquen aos públicos", polo que "tanto os pequenos proxectos de economía social como os axentes culturais locais poden aproveitar esa oportunidade, velando de paso pola diversidade cultural". "Existe un mercado potencial e unha conxuntura que, con apoios intelixentes e selectivos, pode ser propicia para a creación de riqueza e emprego. E a alianza entre cultura e cooperativismo pode ser a chave mestra que sosteña unha estratexia a ese respecto", engaden.

Ningún comentario:

Publicar un comentario