mércores, 18 de febreiro de 2015

Anpas Galegas esixen a Educación que atenda o alumnado en situación de desigualdade

A Confederación Anpas Galegas vén de dirixirlle unha carta ao novo Conselleiro de Educación solicitando a xeneralización do Plan Proa coa dotación de medios e profesionais que garanta que ningún neno ou nena quede sen atender. 

A Confederación de Anpas Galegas xunto coas Anpas de Tomiño e a Coordinadora de Vilagarcía de Arousa veñen de remitir unha carta ao novo Conselleiro de Educación na que se manifestan contra os recortes do Plan Proa e esixen unha atención xeralizada ao alumnado con necesidades especiais.
“En Galiza a Consellería de Educación está a levar unha política de feitos que na práctica resulta ser unha desaparición das posibilidades de integración dos alumnos en situación de desigualdade; dito doutra maneira, a Xunta prefire que se perda o futuro dun  neno antes de gastar na súa educación: retrocedemos séculos cunha decisión así”, manifestan na carta na que se esixen a xeralización do plan Proa, os programas de reforzo, orientación e apoio nos centros.
Reforzo voluntario nos centros
Lamentan na carta que a Consellaría sitúe os programas de reforzo “na área das accións voluntarias dos centros educativos, de tal xeito que o dereito á educación dun neno ou nena pode verse limitado simplemente por esta matriculado nun colexio cuxos responsables non decidiron “apuntarse a estes plans”. Critican tamén que as necesidades do alumnado se valoren “en función da dispoñibilidades económicas da consellería” cando as situacións que teñen que atender os programas de reforzo “non son adiables, senón que constitúen situacións de inmediata necesidade que deben ser tratadas no momento no que son detectadas, para garantir a futura inclusión dese neno ou nena na normalidade do sistema educativo”.
Cualifican de inxusta a política educativa da Xunta que esquece o alumnado con necesidades especiais e lembran a obriga da Consellería de Educación de dotar “de profesorado abondo que garanta o tratamento do alumando existente, coas necesidades e peculiaridades que agora mesmo se dean, sen atender á dispoñibilidades orzamentarias nin catálogos de postos de traballo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario