xoves, 19 de febreiro de 2015

As TIC galegas prevén aumentar cadro de persoal nun 30% ao longo deste ano

O Clúster TIC Galicia vén de amosar os principais resultados dunha enquisa interna desenvolvida entre as súas empresas socias para tomarlle o pulso a situación do emprego TIC na nosa terra e albiscar, a maiores, os prognósticos que as firmas teñen para este ano 2015. Entre as informacións xeradas figura a seguinte: nestes intres un 67% de empresas mantén procesos abertos de selección de persoal. Os perfís máis demandados son programación en Java; programación en diferentes plataformas para comercio electrónico; desenvolvedores de aplicacións para móbiles; virtualización; e consultores e comerciais TIC.
A gran maioría das prazas que se ofertan, o 90%, son para Galicia e en maior medida para as cidades de Santiago, A Coruña e Vigo. Fóra da nosa terra, o informe salienta Madrid e os países latinoamericanos. Ademais, dise na investigación, o 81% prevé aumentar o equipo de traballo durante o ano 2015, cunhas porcentaxes medias de incremento dun 30%. En canto aos factores que provocan estas necesidades de persoal destaca a diversificación do negocio, cun 30%; o medre do mercado local, nun 26%; e a procura de novos mercados cun 19%.
“As empresas TIC”, sinala o Clúster, “detectan unha mellora da situación económica nos distintos sectores produtivos galegos así como unha importante recuperación en investimentos de I+D”. A maiores, decátanse de que sector tecnolóxico-dixital está máis especializado a día de hoxe, “polo que a competencia é menor e as posibilidades de colaboración moito maiores”.
Polo demais, explícase, todas as empresas localizan atrancos para acadar os perfís requiridos e achacan este problema “á alta cualificación que se precisa neste sector”. Como medida para contrarrestar o dato, apuntan a posibilidade de adaptar outros perfís para cubrir a demanda, como pode ser o caso de determinadas especialidades da formación regrada de grao medio e profesionais nas labores de consultoría e comercialización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario