Este mércores deuse a coñecer en Santiago, no
Museo do Pobo Galego, unha iniciativa colectiva (impulsada por dez
entidades) para acubillar en común o que até o de agora esta
espallado en diferentes espazos: os milleiros de documentos que dan
conta da historia do noso nacionalismo nos séculos XX e XIX. A
iniciativa colle corpo a través do Arquivo Histórico do
Nacionalismo, inxente recurso de información e coñecemento do
noso que, grazas á Rede, estará a disposición de toda a cidadanía
galega e do ámbito da investigación. O portal de seu é
arquivodonacionalismogalego.gal.
As entidades que impulsaron esta iniciativa son a
Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Bautista Álvarez, Fundación
Castelao, Fundación Galiza Sempre, Fundación Losada Diéguez,
Fundación Manuel María, Fundación Moncho Reboiras e Fundación
Vicente Risco, xunto con Murguía Revista Galega de Historia e o
Museo do Pobo Galego.
Segundo fixeron saber, a finalidade básica deste
proxecto común é “pór en valor os fondos documentais que posúen
as entidades que poñen en marcha este portal web, posibilitando o
acceso aos mesmos dun xeito doado, dándolle a estes una cobertura
compartida que favorece a súa contextualización nun horizonte
histórico de longa duración". Segundo informaron, o portal
achega a posibilidade de dar decontado cos fondos históricos que
xunta e que se atopan nas dependencias das entidades que uniron
forzas na iniciativa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario