martes, 17 de febreiro de 2015

Comezan a chegar os primeiros temas para o Certame de Canción de Autor en Galego

A segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego organizado polo Concello de Teo comeza a recibir os primeiros traballos que optarán a ser gañadores. O director artístico do proxecto, Xoán Curiel, salientou esta "acollida inmediata", pois hai só dúas semanas que iniciou un prazo de inscrición que continuará aberto ata o vindeiro 29 de marzo.
Poderanse inscribir nesta segunda edición do certame todas as persoas que o desexen, incluso as que participaron o ano pasado. Os únicos requisitos son que non teñan ningún material sonoro editado e que as cancións que presenten a concurso sexan inéditas e en galego. O gañador ou gañadora do certame recibirá varios premios, entre os que destacan a gravación dun EP de ata 25 minutos coas súas cancións, e tamén o deseño da súa portada, a posibilidade de actuar en varios concertos e a promoción do seu disco, así como un ano de cota de socio/a de Músicos ao Vivo.
O gañador ou gañadora do certame recibirá varios premios, entre os que destacan a gravación dun EP coas súas cancións
O concurso foi presentado en Teo hai dúas semanas, nun acto no que participaron a concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, o secretario xeral de Política Lingüística, o delegado para Santiago de Gadisa, Román Roo, Valentín García, o director artístico do evento, Xoán Curiel e a gañadora da primeira edición, Alba María. Xoán Curiel destacou que tras o primeiro Certame “houbo xente que tamén nos demandou unha segunda edición. Aí vemos que a creatividade está viva e que hai xente que está desexando amosar o que fai”.
Alba María, gañadora da primeira edición, afirma que o Certame lle permitiu lanzar a súa carreira e comezar “dun xeito máis fácil” do que moitas artistas galegas tiveron
Alba María, gañadora da primeira edición, asegurou que viviu o certame “con moita ilusión e con moita esperanza”. Como cantautora e estudante de filoloxía galega di valorar moito que “alguén promova a música galega e en galego”. Ademais, indicou que o Certame lle permitiu lanzar a súa carreira e comezar “dun xeito máis fácil” do que moitas artistas galegas tiveron. Para Carme Hermida, o caso de Alba María é “un magnífico exemplo dos resultados destes certames para axudarlles a subir varios chanzos de golpe ás persoas que está empezando”. Poder axudar a unha persoa nova coas cualidades e potencialiades que ten Alba “é bo para ela, para a cultura galega, para a lingua galega, para Galicia e para a cultura universal”, apuntou a concelleira.
O xurado deste ano estará composto pola concelleira de Cultura do Concello de Teo, Carme Hermida, a prensa musical especializada estará representada na persoa de Juan Torreiro, mentres que Inés Portela representará as produtoras musicais galegas desde a súa empresa Mada Producións e como artista participará Najla Shami.

Ningún comentario:

Publicar un comentario