xoves, 5 de febreiro de 2015

A Consellaría de Educación autoriza a impartición de especialidades das ensinanzas artísticas superiores de Música ao centro privado Mayeusis de Vigo, mentres impide que se impartan nos públicos

A CIG-Ensino pregúntase como a Consellaría pode xustificar que un centro privado de Vigo vaia impartir a especialidade de Jazz, cando non se imparte no Conservatorio Superior de Música da mesma localidade.


A CIG-Ensino exixe que se revogue a autorización de impartir as ensinanzas artísticas superiores de Música no ensino privado, que se impartan todas as especialidades no público e que se amplíe a oferta de prazas de Música en todos os seus niveis.
Ante a autorización da Consellaría de Educación ao centro privado Mayeusis de Vigo para impartir ensinanzas artísticas superiores de Musica, a CIG-Ensino quere manifestar que é inadmisíbel que se autorice a impartición dunha especialidade como Produción e Xestión a un centro de ensino privado, cando non se imparte en ningún dos dous conservatorios superiores públicos de Galiza.
A CIG-Ensino pregúntase como a Consellaría pode xustificar que un centro privado de Vigo vaia impartir a especialidade de Jazz, cando non se imparte no Conservatorio Superior de Música da mesma localidade. A Consellaría terá que explicar, tamén, o porqué de autorizar a impartición de especialidades a un centro privado das que nin sequera ten elaborado o currículo correspondente.
Chama poderosamente a atención que a propia Consellaría, ao mesmo tempo que non acepta que os centros públicos que imparten as ensinanzas superiores se poidan adscribir ás universidades para que ao alumnado poida obter a titulación de Grao, autorice estas ensinanzas a un centro privado, posibelmente coa intención de buscar amparo nunha universidade privada para expedir a titulación de Grao. É obvio que con esta decisión busca primar e dirixir o alumnado ao ensino privado en detrimento do público.
Por outra parte, os actuais conservatorios de Musica, tanto os superiores como os profesionais, son incapaces de absorber a demanda de matrícula existente o que está a comportar que numeroso alumnado non poida cursar estudos de Musica. A Consellaría, en lugar de ampliar a oferta pública, pretende que os estudos superiores, nomeadamente nalgunhas especialidades, estean reservados unicamente ás familias dun alto poder adquisitivo. Esta política educativa da Consellaría lévaa a despedir profesorado interino de Música e a non ampliar o número de prazas nos conservatorios públicos, mais, pola contra, autoriza ensinanzas que non se imparten nos centros públicos a un centro privado, que non destaca, segundo diferentes referencias, polas súas boas prácticas laborais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario