A CIG-Ensino xa leva gañadas 28 sentenzas en diferentes Xulgados do Social de Galiza, que están sendo recorridas pola Xunta de Galiza ao TSXG, o cal vén de ditar a primeira sentenza contra os recursos.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
vén de darlle, de novo, a razón á CIG-Ensino cunha sentenza na que
declara nulo o despedimento dun dos profesores que impartía cursos
CELGA. O TSXG rexeita así o recurso presentado pola Xunta e sentenza do
mesmo xeito que xa o fixeran diferentes xulgados do social. A
CIG-Ensino ten presentado co profesorado que impartiu cursos CELGA 52
demandas por despedimento e leva gañadas 28 sentenzas, 22 por
despedimento nulo e 6 por improcedentes, estando pendentes o resto. O
TSXG ademais de rexeitar o recurso da Xunta imponlle 600 euros de
costas.
Até o ano 2014 preto de 200 profesores e profesoras viñan impartindo, cada ano, cursos preparatorios para o CELGA mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística nunca estableceu relación laboral con este profesorado. Nin lles facía contrato, nin os daba de alta na Seguridade Social. Non tiñan dereito a baixa por enfermidade ou accidente laboral, non tiñan dereito a vacacións, nin á prestación por desemprego e tampouco tiñan este tempo cotizado para a xubilación. É dicir, non tiñan ningún dereito laboral recoñecido no Estatuto dos Traballadores.
Diante desta situación, en marzo de 2013, a CIG e o profesorado afectado presentaron unha denuncia dos feitos na Inspección de Traballo da Coruña, que os deu de alta de oficio na Seguridade Social, polo tempo traballado con 4 anos de retroactividade, do ano 2009 ao 2013. Daquela a CIG-Ensino presentou denuncia no resto das inspeccións de traballo que tamén resolveron no mesmo sentido que a da Coruña. A Secretaría Xeral, en lugar de asumir as propostas da Inspección de Traballo despediu a todo este profesorado. Esta situación levou á CIG-Ensino a iniciar as demandas de despedimentos cos afectados e afectadas nos diferentes xulgados do social. As sentenzas obrigan a readmitir os e as docentes no posto de traballo e a pagarlles os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014, cuestións que rectifica agora o TSXG. O custe deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros e pode incrementarse coas custas do TSXG.
“A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez a actuación totalmente inaceptable, represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos”, sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino exíxelle ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que a Consellaría cese na súa actitude vingativa e persecutoria contra este profesorado, asuma as resolucións xudiciais e en consecuencia, readmita a este colectivo unha vez que tanto as inspeccións de traballo, os xulgados do social e agora o TSXG, confirman a actuación ilegal da Xunta. Do contrario no só continuaría coa política represiva do anterior conselleiro senón que estaría facendo un uso indebido dos recursos públicos ao ter que afrontar agora as costas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario