luns, 23 de febreiro de 2015

Facenda analizará as redes sociais na súa loita contra a fraude fiscal

O Consello de Ministros autorizou á Axencia Estatal de Administración Tributaria a licitación dun contrato cuxo obxecto é a realización de servizos de desenvolvemento e mantemento dos sistemas e aplicacións do Departamento de Informática Tributaria, durante 2015, 2016 e 2017, prorrogables por un máximo de dous anos. O importe estimado do contrato, considerando as prórrogas, é de 28.188.160 euros.
Segundo a referencia do Consello "estes servizos son requiridos polo resto dos departamentos da Axencia Tributaria para o cumprimento dos fins que lle son propios, fundamentalmente polos departamentos de Xestión Tributaria, Recadación, Inspección Financeira e Tributaria, e Alfándegas e Impostos Especiais".
O impulso dado pola Axencia Tributaria nos servizos prestados aos contribuíntes e empresas a través de Internet debe manterse e mellorarse cun continuo reforzo de actuacións tendentes ao afondamento e extensión horizontal do número de trámites que se poden realizar electronicamente.
Tamén se pretende implantar funcionalidades avanzadas nas ferramentas informáticas que os funcionarios da Axencia Tributaria teñen á súa disposición para a realización das súas tarefas de xestión e de loita contra a fraude, aproveitando especialmente que a Internet e as redes sociais en particular representan unha inesgotable fonte de datos para Facenda, que xa utiliza e que explotará de forma máis intensa nos vindeiros meses. Ao longo deste ano, Facenda empezará a utilizar programas informáticos que son capaces de procesar, seleccionar e solicitar información que se encontra nas redes sociais e na Internet. Facenda ampliará así os seus ficheiros con, por exemplo, os contactos e relacións en liña dos obrigados tributarios.
A partir dunha inspección, poderanse detectar situacións sospeitosas e anómalas doutros obrigados tributarios. Ou establecer conexións en fraudes fiscais entre contribuíntes e empresas que aparentemente non tiñan relación.
Actualmente xa existen funcionarios da Axencia Tributaria dedicados a solicitar información en internet. Tamén, as revistas e os xornais serven como punto de partida de investigacións. Unha foto dun contribuínte nun luxoso iate, por exemplo, supón un indicio externo de riqueza que pode derivar nunha inspección se o seu nivel de vida non casa cos datos fiscais declarados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario