luns, 9 de febreiro de 2015

"Teño unha filla de 8 anos e no colexio ensínanlle galego practicamente como unha lingua estranxeira"

Carlos Ares é guionista -é un dos creadores da serie Era Visto!- e vive na Coruña. É unha das moitas voces implicadas estes días no chamamento a secundar a manifestación deste domingo en Compostela (12:00 horas, Alameda).

Carlos Ares é guionista -é un dos creadores da serie Era Visto!- e vive na Coruña, onde, entre moitas outras cousas, xoga ao fútbol gaélico no equipo mixto Cascarilha. Implicado estes días en colaborar no chamamento a secundar a manifestación deste domingo en Compostela (12:00 horas, Alameda), Ares agarda unha afluencia "masiva, como en todas as mobilizacións a prol do galego" e confía en que o goberno non faga ouvidos xordos ás demandas da sociedade de Galiza.
-Que motivos te levan a apoiar a manifestación convocada desde Queremos Galego?
-E terríbel que en pleno século XXI teñamos que seguir a saír á rúa a defender o dereito a vivir no noso noso idioma. Asistimos a unha perda continuada de falantes e temos un goberno que non cumpre coa súa obriga de defender o galego. Teño unha filla de oito anos e no colexio ensínanlle o galego como se practicamente fose un idioma estranxeiro. Por todo iso vou ir á manifestación. E porque o galego é unha lingua que non separa, une, é a lingua de todos.
- Cres que a mobilización social a favor do galego vai acabar por ter efectos sobre os responsábeis das políticas actuais sobre o idioma?
-Son optimista, así que agardo que si, que o goberno acabe por reflexionar e decatarse do que está a facer co galego. é tamén o seu idioma, aínda que non o falen. E teñen que ver que todas as mobilizacións que se fixeron polo galego foron un éxito.
- Falabas antes da continua perda de falantes, é esa unha realidade que aprezas na túa propia contorna? 
Vivo na Coruña e teño 48 anos. Na cidade vexo por veces que hai rapazadfa falando en galego, creo que serán dos que veñen estudar á Universidade. Mais onde a situación de perda de falantes si que se nota é nas vilas, zonas onde antes o idioma tiña presenza e agora ves que minguou moito.
- Tes unha filla pequena, é nese tramo onde si que se nota que o galego case non existe?
Aí hai unha perda moi grande de falantes, moito. Cativos que falan galego e que deixan de facelo ao entrar no ensino, iso é algo que está pasando e que habería que atallar.
- Se tiveses que convencer a alguén que a priori non pensa acudir á mobilización de que o fixese, que argumentos empregarías?
Pois diría que non hai razóns para non ir. O galego é de todos, non é so das persoas que o falamos. É un patrimonio de todo o mundo, non só de Galiza. Sería terríbel que desaparecese, por iso hai que dar pasos para que non aconteza. Se desaparecese un idioma como o noso... o mundo sería peor.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario