Todos os partidos, agás o PPdeG, secundan unha gran mobilización en defensa do idioma. Máis de 20.000 persoas participaron na marcha convocada por Queremos Galego.
Unidade total de todos os grupos políticos en defensa do galego. Estaban todos, grandes e pequenos, de esquerda, nacionalistas e independentistas.
Só, unha grande ausencia, a do Partido Popular. Dirixentes do PSdeG,
BNG, Anova, EU, CxG, Equo, Ecosocialistas, Cerna e integrantes de Causa
Galiza, ademais de entidades como AGAL, a Mesa ou Prolingua, entre
outros, percorreron este domingo as rúas de Compostela para defender o
galego.
A manifestación, convocada por Queremos Galego, foi
unha mostra da importancia que o idioma ten, aínda, para gran parte da
sociedade galega, agás para a Xunta e o PPdeG. De feito, esta protesta
chega logo de coñecerse, hai unhas semanas, unha enquisa do IGE que
apuntaba que, tan só, un 13% de nenos fala habitualmente en galego.
Por iso, este domingo, os protagonistas eran eles, os máis pequenos. Oito deles encabezaban a manifestación cunha gran faixa na que se lía "Por nós", en consonancia co lema da protesta; "Polas fillas dous nosos fillos, Queremos Galego".
Tras o percorrido por rúas do centro da cidade, os manifestantes
concentráronse na praza da Quintana, na contorna da Catedral, onde foi
lido un manifesto no que se lembraban os datos desa enquisa do IGE, que
constata a mala situación de uso na que se atopa o idioma.
Para Queremos Galego, esta enquisa reflicte a realidade de que en Galicia resulta "imposible vivir en galego con normalidade".
"Na práctica o galego non funciona como lingua oficial e, unha vez
máis, o Goberno galego está empeñado en desmontar esa oficialidade
formal que se conseguida froito da mobilización da sociedade no seu
conxunto", denunciou o portavoz deste entidade, Marcos Maceira.
Neste sentido, considerou que esta macha foi "unha multitudinaria demostración da unidade do pobo galego ao redor da súa lingua", "unidade que o Goberno do Partido Popular en Galicia pretende romper".
Ningún comentario:
Publicar un comentario