martes, 3 de febreiro de 2015

Onte 1219: «Ranilda» ou o audiovisual no CEIP A Lama

Foi onte Seso Durán quen me abriu os ollos sobre o extraordinario traballo audiovisual que se ven realizando no CEIP A Lama. Abonda con visitar o web da biblioteca escolar, «O recanto do Leo», ou a súa páxina en Vímeo para quedar abraiado e engaiolado polas pezas producidas polo alumnado e profesorado deste centro público situado ao pé da Serra do Suído. Se Ranilda, unha curta de animación en Stop Motion, é impresionante, A escaleira deixounos coa boca aberta. Outro tanto sucedeu coas pezas que forman parte do Proxecto de Documental Integrados, «Ríos e praias en boas mans» ou «Sementa ideas, recolle futuro», nos que todo o centro traballa as competencias básicas contando coa biblioteca escolar como centro de recursos ao servizo do currículo. Un traballo recoñecido con diversos e importantes premios que demostra a potencialidade transformadora da innovación didáctica cando está inserida nun proxecto comunitario. Emocionante saber desta experiencia de escola galega, fachendosa do emprego da lingua de noso, arraizada na terra e na utilización das ferramentas comunicativas do noso tempo. Xaora, enxergando esperanza. A comunidade educativa do CEIP A Lama merece a nosa beizón e gratitude.

Ningún comentario:

Publicar un comentario