martes, 11 de marzo de 2014

Sés, Caxade e Davide Salvado sementan música en apoio ao ensino popular en galego

A escola compostelá A Semente chama a nais, pais, crianzas e público en xeral ao terceiro concerto Sementes de Música, que decorrerá o 16 de marzo en Compostela a partir das seis da tarde.

Terceiro ano do centro educativo compostelán A Semente, terceiro concerto de apoio para procurar fondos que fagan sostíbel un proxecto que depende só das familias usuarias.
Este proxecto autoxerido xa ten organizada a seguinte Sementes de Música, unha experiencia ao redor dos sons na nosa lingua e da cal, desta volta, farán parte Sés canda Manolo Maseda; Caxade con Manu Paino e Manuel Espiño; e Davide Salvado canda Cristian Silva e Santi Cribeiro.
Se algo destaca de Sés é a súa forza, de sobra amosada en centos de concertos e actuacións en todo o País, a última nun camión aparcado nun recuncho dunha Quintana ateigada de mulleres en loita polos seus dereitos. A súa música evoca os sons americanos, desde o blues aos ritmos latinos, reprensados en chave galega e en chave feminista.
 
Caxade é o novo proxecto persoal de Alonso Caxade. Indie-folk cun arrecendo a música minimalista. Elegancia, modestia e sinxeleza, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico. Foi nominado aos premios Mestre Mateo, aos premios Opinión e aos Premios Galegos da Música, e gañou o certame Música Xove.
No selo cooperativo Discos da Máquina editou en 2013 o seu primeiro traballo discográfico, A dança dos moscas, coa banda formada por Manu Paino, Manu Espinho, Xosé Tunhas e el propio e con letras que non foxen da crítica política e conseguen un son próximo ás antigas bandas de música.

Davide Salvado interpreta desde o corazón o seu agradecemento a todas as pandereteiras e bailadoras vellas, mulleres fortes e 'anónimas' das cales aprendeu moito do que sabe. Con dous discos editados, a súa música conta o aval de grandes artistas como Eliseo Parra, que produciu o seu primeiro traballo, Arnica Pura. Nos concertos, a voz e as percusións tradicionais teñen o protagonista e concepto estético cumpre un importante papel, sendo tamén cento por cento galego.


Todo isto e moito máis nun concerto que se realizará no Auditorio da Galiza de Compostela o domingo 16 de Marzo (18h) e que, ao igual que os dous anteriores, se aveciña multitudinario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario