luns, 10 de marzo de 2014

As XII Xornadas da Muller afondan no papel da escola na eliminación do sexismo

A duodécima edición das Xornadas da Muller da AS-PG e a CIG-Ensino que se desenvolverán en Pontevedra o próximo 22 de marzo afondarán no papel da escola na transmisión de valores igualitarios e na eliminación do sexismo . 

As XII Xornadas da Muller organizadas pola AS-PG e a CIG-Ensino desenvolveranse o próximo día 22 de marzo na Casa das Campás de Pontevedra co obxectivo de avanzar no papel da escola como transmisora de valores igualitarios e na eliminación de comportamentos e estereotipos sexistas. Segundo a organización, trátase de defender as posibilidades do ensino á hora de “proporcionar modelos de relación dende a igualdade e o respecto polas diferenzas individuais de cada persoa”.
O programa inclúe na sesión de mañá o relatorio “A igualdade desde a perspectiva de aula” da psicóloga Susana Otero Iglesias que defenderá a prevención e sensibilización do alumnado en igualdade como eixo fundamental para previr a violencia de xénero. A seguir, a coeducadora e profesora de Lingua e Literatura en Asturias, Marián Moreno presentará a súa intervención “Coeducar en tempos revoltos. Se se pode...”, unha defensa da necesidade de afondar na educación para a igualdade con exemplos da vida cotiá.
A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, María M. Álvarez Lires analizará xa na sesión de tarde o acceso das mulleres á educación científica, reparando nas estratexias coas que foron quen de sortear os múltiples atrancos e de diversas procedencias cos que se atoparon.
Memoria das Mulleres
Crítica e profesora da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo da USC, Montse Pena Presas fará un repaso por autoras e protagonistas da literatura infantil e xuvenil e convidará a “literatura infantil como un espazo subversivo en que as transformacións sociais comezan a facerse visibles”.
O concelleiro Luís Bará presentará tamén na sesión de tarde o programa “A memoria das mulleres”, unha iniciativa colectiva e cooperativa para recuperar a historia das mulleres de Pontevedra coa creación dun fondo documental, gráfico e audiovisual alén da intervención e difusión en centros de ensino ou asociacións.
Rematará a xornada a presentación do libro "Exeria. Nos límites do mundo", editado pola AS-PG de Arturo Iglesias con ilustracións de Xosé Tomás.
As condicións de matrícula pódense consultar na web da as-pg  na web: www.as-pg.com, no apartado de Formación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario