luns, 24 de marzo de 2014

A CIG-Ensino solicita ao Valedor que investigue o gasto de 886.984 € en privatizar as revisións médicas do profesorado

Denuncia que a falta de entendemento entre as consellarías de Educación e Sanidade implicará o malgasto de cartos.


A CIG-Ensino presentou un escrito dirixido ao Valedor do Pobo no que solicita que investigue cales foron as razóns polas que non foi posíbel o entendemento entre as Consellarías de Educación e Sanidade para ofrecer os recoñecementos médicos ao profesorado. A CIG-Ensino denuncia que, segundo as contas da Consellaría de Educación, van pagar 2.217.461 euros a unha entidade privada, cando no SERGAS se podería realizar por 1.330471. O obxecto da queixa da CIG-Ensino é evitar o mal uso do diñeiro público de todos os galegos e galegas.
“É incomprensíbel que, por desavinzas entre as dúas consellarías, os cidadáns e cidadás galegas teñamos que pagar preto dun millón de euros, dado que, segundo as contas da Consellaría de Educación, van pagar 2.217.461euros a unha entidade privada, cando o custo no SERGAS se podería realizar por 1.330471”, explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Na queixa presentada ao Valedor do Pobo, a CIG-Ensino explica que foi a propia Consellaría de Educación a que lle trasladou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que facer as revisións no SERGAS suporía un aforro de máis de 800.000 euros. Foi o 16 de decembro de 2013, data na que a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) citou a CIG-Ensino como executante e a Consellaría como executada, co obxecto de dar cumprimento ao recurso gañado pola CIG-Ensino, que recoñece o dereito ás revisións médicas do profesorado.
Nesa comparecencia, a Consellaría de Educación solicitou unha moratoria para a súa aplicación, porque estaba a punto de asinar un acordo coa Consellaría de Sanidade, a fin de realizar os recoñecementos médicos do profesorado no SERGAS, xa que suporía unha redución dos custos nun  40% (886.984 euros), en relación ao custe que significaría a externalización do servizo (2.217.461).
Ante este compromiso, o TSXG fixou unha nova comparecencia para o día 10 de febreiro de 2014. O 10 de febreiro de 2014 compareceron de novo a CIG-Ensino e Consellaría de Educación perante o TSXG. A Consellaría de Educación, contrariamente ao expresado na comparecencia do día 16 de setembro,  anunciou que non fora posíbel chegar a un acordo coa Consellaría de Sanidade e que, en consecuencia, optara por  contratar un servizo externo, mediante a tramitación pola vía de urxencia.
A CIG-Ensino considera improcedente que se privatice o servizo de prevención de riscos laborais, cando, segundo os propios cálculos da Consellaría de Educación, de se realizaren os recoñecementos médicos no SERGAS o custo sería un 40% máis barato, isto é, 886.984 euros menos.
“Para a CIG-Ensino esta actuación é absolutamente inaceptábel e inxustificábel e supón, na práctica, unha malversación do diñeiro de todos os galegos e galegas. O afán privatizador do PP lévao mesmamente a malgastar preto dun millóns de euros. Por iso pedimos que se investigue cales son as causas de que non se puidese dar este acordo”, dixo Louzao, que tamén lembrou que as Consellaría de Educación e Sanidade pertencen ao mesmo goberno e están xestionadas por responsábeis do mesmo partido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario