A A.C. Fuco Buxán, tal como ven facendo
desde hai varios anos, súmase a petición, ben merecida, de dedicar o Día
das Legras Galegas 2015 para o profesor Carvalho Calero, e convida a
todo o tecido cultural e social de Galicia a amosar a súa adhesión a
esta iniciativa.
LETRAS GALEGAS 2015 PARA O PROFESOR CARVALHO CALERO (1910-1990)
Por
obra da S. C. Medúlio don Ricardo Carvalho Calero recibiu en Ferrol a
súa primeira homenaxe pública en 1981, na que quedou manifesta a súa
fidelidade á causa de recuperar para o seu país a súa propia cultura.
Seguiron outras homenaxes, foi obxecto de simposios e congresos, a
asociación/fundación Artabria reivindica anualmente a súa memoria.
Nomeado fillo predilecto de Ferrol en 1990, unha rúa, un centro de
ensino e outro cultural desa cidade levan o seu nome e alí se celebrou
no ano 2010 o último congreso sobre el .
Mais,
don Ricardo Carvalho Calero, o primeiro profesor de galego na
Universidade galega, pai lingüístico de varias xeracións, foi vítima
dun interesado esquecemento por manter a súa dignidade persoal e por
entender que o noso idioma forma parte do sistema lingüístico do
galego-portugués, opción diferente, pois, á oficial. Usando das súas
palabras (1985) certas elites entenden que non deben realzar a
personalidade dun disidente ... Que nen como estudoso nen como pensador
sobre os problemas culturais da nosa terra atinxo a altura.
Como
temos sinalado, mantense aínda hoxe, 24 anos andados do seu pasamento,
unha das ausencias máis clamorosas no eido das conmemoracións e
homenaxes ás grandes figuras da cultura do país. Van tres ocasións nas
que non prosperou a proposta de que a RAG dedicara as Letras Galegas a
D. Ricardo Carvalho Calero, esgrevio galeguista que ao longo de seis
décadas e un pouco desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo,
ensaístico, académico, lingüístico, xornalístico, docente, ..., a prol
de Galiza e da lingua e cultura galegas.
Sen
desmerecer a ninguén, entendemos que é tempo de que os grandes méritos
do profesor Carvalho Calero sexan recoñecidos por unha Academia na que
ingresara o 17 de maio do 1958.
Ningún comentario:
Publicar un comentario