A elección do poema non estivo motivada só por ser unha das composicións máis populares da autora, senón tamén por ser case un himno da emigración galega. "Aquí tamén teñen moita emigración e moitos autores e autoras que escribiron sobre ela", explica a profesora en conversa con Praza Pública. Lonxe dos prexuízos que ás veces atopan os e as docentes na propia Galicia, Cuñarro explica que a idea de introducir o galego no proxecto foi "moi ben" acollida, "sen ningún tipo de problema". A versión inglesa do poema veu a través do proxecto Rosalía é mundial, da Fundación Rosalía de Castro, "moi importante" no traballo, e as ganas e a ilusión da comunidade educativa fixeron o resto.
"O importante é achegar as culturas, non dividilas, e usar as ferramentas que temos para facelo, neste caso un poema que para nós é case un himno"Con estes vimbios só restaba tecer o cesto, un vídeo no que alumnado e profesorado recitaba a Rosalía en galego e en inglés, cun resultado "moi reconfortante" que, ao pouco tempo de ser publicado na rede, comezou a recibir respostas de galegos e galegas de Galicia, pero tamén "de Uruguai, México, Inglaterra ou Holanda". "En serio están aí, por que nos coñecen?", preguntaba os nenos e nenas ao decatárense da repercursión dos seus versos. Neste punto chegou unha suxestión do centro social de Mullaghbawn: "propuxéronme incluír a lingua irlandesa no poema e, por suposto, dixen que si". Coa axuda de dúas mestras e dous historiadores locais puxéronse á tarefa e xa está a piques de chegar a versión trilingüe.
"Ao final o importante é achegar as culturas, non dividilas, e usar as ferramentas que temos para facelo, neste caso un poema que para nós é case un himno", sintetiza a profesora para explicar como é posible o éxito do galego nunha comunidade na que o gaélico practicamente se perdeu -"aquí procúrase ao derradeiro falante de irlandés", ilustra-, que administrativamente forma parte do Reino Unido pero que "se sente irlandesa" e utiliza "o pasaporte irlandés". Xela séntese "máis cerca da casa" e os nenos e nenas de Mullaghbawn, máis preto de Galicia mentres recitan "Adiós ríos, céad slán le tobair, goodbye, trickling streams".
Ningún comentario:
Publicar un comentario