O colectivo crítico coa normalización do idioma propio do país recolle sinaturas para denunciar a Xunta ante a Unión Europea. O motivo, que a web da Consellería de Educación está só en galego, cando a asocición mantén o seu propio portal só en castelán.
Galicia Bilingüe puxo en marcha unha campaña de denuncia e petición
ante a Unión Europea e Presidencia da Xunta para reclamar bilingüismo
nas webs de Educación en Galicia. O colectivo que preside Gloria Lago
argumenta que "todas as Autonomías de España con lingua co-oficial teñen
páxina web en ambos os dous idiomas para informar sobre Educación e
Cultura. Todas agás Galicia".
O colectivo lembra que o goberno galego aprobou un decreto en 2011, que
obriga a dispoñer dunha versión en español en todas as súas web. Con
todo, Galicia Bilingüe, que en teoría di defender a igualdade entre os
dous idiomas oficiais, mantén o seu propio portal unicamente en español, idioma no que difunde todos os seus comunicados de prensa.
Galicia Bilingüe di que presentou hoxe ante a UE unha denuncia por
incumprimento da Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que no
seu artigo 21 prohibe toda discriminación por razón de lingua. A
asocición está a recoller sinaturas en liña a través da súa web.
O PPdeG, partido do Goberno, achegouse as teses de Galicia Bilingüe
canda estaba na oposición. Unha vez conquistado o poder e comprobado a
gran resposta popular ás medidas contrarias ao idioma propio, os
conservadores marcaron distancias co colectivo de Gloria Lago, que agora
os pretende denunciar en Bruxelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario