mércores, 26 de marzo de 2014

A Xunta aplica o "dedazo" na elección dos directores de centros

O STEG denuncia que o Consello Escolar deixa de ter capacidae de decisión sobre a selección da dirección, unha postestade que recae, agora, na Consellería de Educación.

A Consellería de Educación, aplicando o espírito e a letra da LOMCE, vén de presentar na Mesa Sectorial o rascuño dunha orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento de Direccións de centros públicos e faino nuns termos que, de aplicárense, van supoñer "outro duro golpe á democracia no ensino", na medida en que colocan esa selección "baixo o control total e absoluto da Administración".
É a denuncia que fai o STEG que amosa o seu "total rexeitamento" a esta media xa que, di, a Admistración pretende exercer "unha tutela tan excesiva como innecesaria, por limitadora da democracia e da participación, sobre o conxunto da comunidade educativa".
A LONCE recolle unha restrición na participación da comunidade educativa na xestión democrática dos centros, deixando os Consellos Escolares en simples órganos consultivos e apostando pola concentración de poderes exclusivos na figura da dirección.

Máis presenza política

Efectivamente, a Comisión de Selección que ten que se constituír en cada centro, que antes estaba formada por 1 Inspector (como presidente), 3 profesores do centro elixidos polo Claustro e 3 membros do Consello Escolar (que non fosen profesores), agora pasará a estar formada por 4 Inspectores (3 deles poden ser directores de centros, designados pola Xefatura Territorial), 2 profesoras do centro en cuestión e 1 membro do Consello Escolar. 
Con este reparto, o Consello Escolar, sendo como é o órgano máis democrático e representativo da comunidade escolar, deixa de ter capacidade de decisión sobre a selección da dirección, potestade que recae agora na Administración, ao dispoñer nesa Comisión de maioría absoluta. 

Eliminacións

Ademais, esta nova orde elimina dos requisitos para presentarse ás direccións a condición, vixente ata agora, de “estar prestando servizos en centros docentes públicos nalgunha das ensinanzas das que se ofrecen no centro a que se opta”. Desaparece, así mesmo, a preferencia que antes se outorgaba ás candidaturas do profesorado que tivese destino definitivo no centro fronte a outras. Tamén se elimina o chamado “programa de formación inicial” para as persoas aspirantes á dirección que organizaba a propia Consellería por medio do Servizo de Formación do Profesorado. Finalmente, se na Comisión de Selección dun centro non participasen representantes do Claustro e do Consello Escolar, o nomeamento non será por dous anos, como acontecía ata agora, senón por catro. 
Por iso, o STEG demananda a "inmediata retirada" deste borrador de Orde, que o Consello Escolar manteña representación suficiente nas Comisións de Selección, que os proxectos que se presenten para a dirección dun centro estean redactados en galego ou que non se poida presentar o mesmo proxecto para varios centros. 
Tamén pide que, en caso de non elixir representantes do Claustro ou do Consello Escolar na Comisión de Selección, o nomeamento de dirección que se faga sexa provisorio, polo período dun ano e que o proxecto de dirección inclúa as persoas que formarán parte do equipo. Finalmente, reclama que se estabeleza un período para realizar o “traspaso” á nova dirección, con recoñecemento económico e administrativo ás dúas direccións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario