A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría pretenda que o profesorado dos centros imparta estes cursos como traballo extra.
A CIG-Ensino denuncia que a Xunta deixa de
ofrecer os cursos CELGA ao profesorado en paro e opta por profesorado
en activo. A CIG-Ensino rexeita que a Consellaría pretenda que o
profesorado dos centros imparta estes cursos como traballo extra,
deixando o profesorado desempregado sen esta posibilidade. Por iso,
facemos un chamamento aos departamentos de Lingua e Literatura Galega
para que, por solidariedade cos compañeiros e compañeiras en situación
de desemprego, se neguen a impartilos.
Até agora, os cursos preparatorios das probas CELGA eran
impartidos por profesorado “colaborador” procedente dunha listaxe,
elaborada baixo uns criterios recollidos nun baremo estabelecido pola
Secretaría Xeral de Política Lingüística e cuns requisitos entre os que
figura o ser “demandante de emprego en situación laboral de
desempregado”.
Este profesorado impartía estes cursos sen ningún
contrato de traballo e sen ser dado de alta na seguridade social. Ante
esta situación irregular, a CIG-Ensino interpuxo denuncia perante a
inspección de traballo da Coruña que a resolveu, con data do 15 de
novembro de 2013, recoñecendo a relación laboral entre a Consellaría de
Educación e o profesorado “colaborador” dos cursos CELGA e dando de alta
de oficio con efectos retroactivos nos períodos en que impartiran
clases nos últimos catro anos. A propia inspección impón unha multa de
máis de 200.000 euros á Consellaría pola actuación fraudulenta. A
CIG-Ensino tamén interpuxo denuncia nas outras tres inspeccións de
traballo. A Inspección de Ourense vén de resolver en termos semellantes á
da Coruña. Fican por resolver a das inspeccións de Pontenvedra e Lugo
que a CIG-Ensino espera sexa nos mesmos termos.
“Non deben servirnos de escusa as reducións salariais que sufrimos, nin os recortes e a eliminación de dereitos laborais para aceptar estas medidas porque supoñen destrución de emprego”; explica Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino. A CIG-Ensino pelexará e loitará para restituír os nosos salarios e mellorar as nosas condicións laborais, mais non a conta de horas extras procedentes dun traballo que era desempeñado por profesorado en situación de desemprego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario