"O presente informe está determinado por unha fe e tamén por un desexo: a fe en que a Unesco é o úneco órgao sensibre aos probremas vivos da cultura universal". Así comezaba a Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol, publicado en varios idiomas e no que se advertía da represión e censura que o Goberno de España exercía sobre as linguas -daquela non oficiais- e sobre toda cultura que non fose a imposta polo franquismo.
O galeguismo do exilio e a emigración presentou en 1954 un informe ante a Unesco denunciando a "persecución" do galego"Istes son os feitos que produxeron a denuncia. No nome de unhos direitos humáns aos que ningún membro da Unesco, pode permanecer insensible. (...) Todo pobo tén o indecrinable direito colectivo a usar seu propio idioma como ferramente da cultura", remataba o documento asinado polos centros Lucense, Gallego, Coruñés, Ourensano, Pontevedrés, de Betanzos, de Corcubión e a Irmandade Galega de Arxentina, ademais dos centros galegos de Nova York, Caracas e México, que enviaron outras denuncias case idénticas.
Agora, sesenta anos despois, A Mesa pola Normalización Lingüística realizará outro informe, en colaboración con outras entidades e institucións, para volver denunciar ante a Unesco a vulneración dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes. Será tamén un xeito de lembrar, reivindicar e recoller as peticións que en pleno franquismo xa realizara o galeguismo do exilio e da emigración.
Sesenta anos despois, A Mesa impulsa outro informe ante a Unesco para denunciar a vulneración dos dereitos dos galegofalantes"Para que o mundo saiba o crime que se está a cometer contra a lingua galega, a comezar desde a Xunta, e para internacionalizar a denuncia tal e como o fixeron os intelectuais galeguistas hai 60 anos", dixo o presidente d'A Mesa, Carlos Callón, na presentación desta iniciativa que prevé estar lista antes do mes de novembro e coa que se exixirá ante a Unesco que as administracións cumpran coa lexislación e cos tratados internacionais sobre os dereitos lingüísticos, e que tantas veces se ignoran no caso da lingua propia.
Para elaboralo, a entidade contactará con diversos organismos que protexen a pluralidade e a diversidade cultural, así como coa Real Academia Galega e o Consello da Cultura, aos que pedirá o seu "apoio" e que "encabecen a denuncia". "Xa se teñen posicionado en contra da política lingüística da Xunta de forma clara e en momentos claves", dixo Callón en referencia ás denuncias que ambos os dous organismos levaron a cabo sobre o chamado decreto do plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijóo. "Que todo o mundo saiba o lingüicidio que se está a cometer en Galicia; un mundo sen galego sería un mundo máis pobre", engadiu.
A Mesa pedirá á RAG e ao Consello da Cultura que "encabecen a denuncia" e colaboren na elaboración do textoA Mesa deixa claro que a situación do galego "non é a mesma" que a de 1954, pero si asegura que hai "puntos en común", xa que os gobernantes actuais son "herdeiros" daquela época. "Non limparon totalmente o sue pasado", asegurou Callón na presentación da iniciativa, tras advertir de que houbo retrocesos "coma nunca antes" nos últimos 30 anos e tras destacar que o galego "é a única lingua do Estado que perde falantes".
Por todo isto, amosa a súa "preocupación" pola situación do galego e lembra que á Mesa chegan denuncias por despedimentos xustificados no uso deste idioma, logo de recordar que o Estado denegou bolsas a alumnos por presentar a documentación na lingua propia. Ademais, desde a asociación recórdase tamén como Feijóo modificou a normativa da Función Pública eliminado o requirimento de examinarse en galego nada máis chegar ao poder ou que vén de "eliminar" o profesorado que impartía os cursos preparatorios do Celga.
Durante os vindeiros meses, A Mesa pedirá a colaboración doutras moitas institucións neste informe que será traducido a todas as linguas posibles para "espallar polo mundo o que está a pasar en Galicia".
Ningún comentario:
Publicar un comentario