A delegación do dominio refírese ao proceso polo cal o identificador entra en funcionamento na raíz do DNS, o sistema que permite o funcionamento das direccións da Internet. En xaneiro informouse xa de que o .gal superara as probas técnicas da ICANN, o Pre Delegation Test, nas que Puntogal demostrou, entre outros aspectos, que o seus sistemas funcionan con IPv4 e IPv6, tanto vía TCP como a través dunha interface web, e que traballan co novo estándar Root Key Signing Key, coñecido como DNSSEC.
No momento en que se reciba a tan esperada comunicación, a Asociación Puntogal poderá aceptar xa pedimentos para o rexistro e posta en marcha dos dominios .gal. Nese momento publicaranse na páxina web da asociación un conxunto de documentos nos que se establecerán as normas que rexerán cada unha destas fases, seguindo a normativa estándar da ICANN. "Estamos empeñados en que o proceso sexa o máis simple, o máis público e o máis transparente posible", destacou este mércores Manuel González, presidente da Asociación, nunha intervención no Consello da Cultura Galega, na que fixo un repaso do proceso de case oito anos que levou a acadar este obxectivo, dos poucos pasos que aínda faltan por percorrer, e da importancia (simbólica e económica) que o .gal terá para distintos sectores.
Nunha primeira fase poderán solicitar o rexistro dos seus dominios entidades públicas, marcas rexistradas, empresas que figuran nunha base de datos que posúe a propia ICANN e axentes que traballen a prol da lingua e da cultura galegaNunha primeira fase, explicou Manuel González, poderán solicitar o rexistro dos seus dominios "determinados colectivos e entidades", comezando polas entidades públicas, as marcas rexistradas, as empresas que figuran nunha base de datos que posúe a propia ICANN e os axentes que traballen a prol da lingua e da cultura galega, "porque así vai na nosa proposta de candidatura". Para esta fase a ICANN prevé un mínimo de 30 días, "pero no noso caso" -explicou González- "probablemente será algo máis longo, uns 45 días". Pode que previamente se realice, igualmente, unha fase de prelanzamento, na que se poderá activar un grupo reducido de dominios pioneiros (un máximo de 100 fixado pola ICANN), que sirvan de modelo, antes de comezar co lanzamento en si mesmo.
Unha vez superado este período de arranque, comezará a fase de dominio aberto, sen límite de tempo, na que (se non hai conflito pola propiedade dunha marca), o que primeiro o rexistre o dominio quedará con el. Os responsables da Asociación Puntogal barallan a cifra de 8 mil dominios como un horizonte probable, que se acadaría en poucos anos. En Galicia hai máis de 50 mil dominios rexistrados, cunha taxa de novas altas que se achega aos 10 mil novos dominios .es anuais.
Beneficios para todos
“Calquera pode darse conta dos beneficios que vai ter para a nosa comunidade o contar cun dominio puntogal”, destacou Manuel González na súa intervención, que comezou salientando a importancia para "a normalización lingüística" e para "a nosa autoestima". Segundo o presidente da Asociación, "na sociedade do século XXI unha lingua que non teña visibilidade na rede é unha anormalidade democrática. É o caso do galego, que conta cun peso relativamente importante en canto aos contidos, pero que non ten a necesaria visibilidade. Ímonos sentir máis respectados e normalizados"."Un dominio que nos identifique será un factor de cohesión, que incrementará o sentimento de pertenza a unha comunidade, con independencia do espazo xeográfico no que nos atopemos"Porén, González foi moito máis aló da lingua e da cultura á hora de enumerar as posibilidades que o feito de contarmos cun dominio propio terá para Galicia. "Un dominio que nos identifique será un factor de cohesión, que incrementará o sentimento de pertenza a unha comunidade, con independencia do espazo xeográfico no que nos atopemos" -dixo- "Os nosos emigrantes, os nosos empresarios no mundo poderán exhibir en internet un carné de identidade que os identifica como galegos".
Ademais, engadiu, "vai facilitar o labor dos buscadores de contidos á hora de realizar procuras en galego ou sobre Galicia". De igual xeito, "vainos permitir tamén participar no dominio de Internet" e suporá un "estímulo do uso do galego na rede, tanto na creación de contidos, novo software en galego, e tradución ao galego de aplicacións de todo tipo".
O .gal será "fundamental dende o punto de vista empresarial, para os produtores, cultivadores ou comercializadores de produtos nos que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade"Dende unha perspectiva de beneficio económico directo, González lembrou que mentres na actualidade "unha parte importante da recadación polo rexistro de dominios vai para fóra de Galicia", co .gal, "todos os beneficios que xeren irán dedicados a fomentar a presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías". Pero, ademais, o .gal será "fundamental dende o punto de vista empresarial, para os produtores, cultivadores ou comercializadores de produtos nos que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade". Puntogal, engadiu, "visibilizará todo valor engadido que se relacione con Galicia: turismo, natureza, o Camiño de Santiago....". Manuel González concluíu que o .gal será unha "propaganda gratuíta para Galicia e o galego", pois "cada vez que unha persoa en calquera lugar do mundo entre nunha páxina .gal estará recibindo a información de que existe un país chamado Galicia e unha lingua que é o galego".
8 anos de traballo
- 16 de setembro de 2005: A ICAAN aproba o dominio .cat. Era a primeira vez que unha comunidade cultural e lingüística acadaba esta posibilidade para rexistrar as súas páxinas web.
- 10 de xuño de 2006: As entidades fundadoras da Asociación Puntogal poñen en marcha a candidatura.
- 7 de febreiro de 2007: A Xunta comunica o seu apoio oficial á candidatura.
- 3 de febreiro de 2009: Puntogal supera as 10.000 sinaturas de apoio.
- 29 de maio de 2012: Preséntase oficialmente a candidatura galega para contar cun dominio de primeiro nivel.
- 15 de xuño de 2013: O ICANN informa de que o dominio .gal superou positivamente o proceso de avaliación.
- 11 de novembro de 2013: O ICANN asina o contrato de creación do dominio .gal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario