A Xunta de Galicia vén de facer pública, a través do Portal Educativo e da
web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a convocatoria pola que se establecen as bases para a
realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros
docentes da titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria para o curso 2013-14.
O obxectivo desta disposición é apoiar os cinco mellores proxectos de centro,
ou de ata tres centros agrupados, que redunden no uso do galego oral, no
achegamento a esta lingua do alumnado procedente do estranxeiro e das súas
familias, na colaboración con entidades externas ao centro educativo para
promover o idioma propio de Galicia ou na relación da lingua galega coas
tecnoloxías da información e da comunicación. Trátase, en definitiva, de
recoñecer, apoiar e difundir a innovación educativa en materia de promoción da
lingua galega para estendela e facela máis eficaz.
O prazo para presentar os proxectos está aberto desde hoxe mesmo e
ata o día 6 de abril.
Recoñecemento e axuda
Os cinco proxectos seleccionados
como excelentes recibirán unha dotación económica de 2.000 euros cada un, apoio
e asesoramento para a posta en marcha do proxecto e a difusión deste, así como
das experiencias e materiais producidos a raíz da súa implementación, no espazo
habilitado na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística para os equipos de
dinamización da lingua galega.
Ademais, o profesorado implicado no desenvolvemento do proxecto seleccionado
verá recoñecido o seu compromiso cunha certificación de participante nunha
actividade de innovación educativa en que se fará constar a equivalencia con 30
horas de formación permanente do profesorado.
Tamén se establecen dúas mencións de honra, sen dotación económica, pero co
resto dos apoios e recoñecementos.
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario