Este martes aprobarase unha Iniciativa Lexislativa Populara para impulsar os vínculos coa lusofonía co apoio de todos os grupos da Cámara. A medida ten causado certa espectación en Portugal. Varios medios lusos acudirán ao Parlamento galego.
A promoción da lingua portuguesa e os vínculos coa Lusofonia en Galicia é o obxectivo da Iniciativa Lexislativa Popular "Paz Andrade" que se debate este martes no Parlamento logo de recibir o apoio de 17.000 persoas.
Todos os grupos da Cámara están de acordo nunha iniciativa que procura unha serie de medidas que faciliten o acceso dos galegos ao universo de lingua portuguesa e un maior relacionamento coa Lusofonía.
Entre as propostas do articulado, figuran a progresiva incorporación do portugués no ensino,
o fomento da participación das institucións e empresas galegas nos
foros económicos, culturais e deportivos lusófonos, a recepción aberta
das televisións e radios portuguesas e o recoñecemento desta competencia
lingüística para o acendido á función pública.
"Vantagem competitiva"
Os promotores explican que o galego "outorga uma valiosa vantagem competitiva à cidadania galega
em todas as vertentes, nomeadamente a económica, desde que disponhamos
dos elementos formativos e comunicativos para nos desenvolver com
naturalidade no seu modelo internacional”.
Esta iniciativa foi presentada no Parlamento o 16 de maio de 2012 baixo o nome de Valentim Paz-Andrade, que foi impulsor da empresa Pescanova e tamén vicepresidente da Comisión Galega do Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa. Este empresario posibilitou a participación de Galicia nas reunións para o acordo ortográfico da lingua portuguesa que decorreron no Río de Xaneiro (1986) e Lisboa (1990).
O PPdeG respalda a aproximación coa lusofonía
Esta proposta sairá adiante cos votos de todos os grupos e será
fundamental o apoio do PPdeG para a súa aprobación. Os populares xa
apoiaron no seu trámite en comisión o texto e o seu voceiro na Cámara, Pedro Puy Fraga, dixo que o seu partido aposta por esta iniciativa porque reforza as iniciativas culturais de toda índole, como o intercambio de sinais de televisión, "en condicións de reciprocidade".
"Non é máis que reforzar a iniciativa da UE a favor das relacións transfronteirizas e impulsar a aprendizaxe da lingua portuguesa en Galicia", suliñou en rolda de prensa este luns.
Atención mediática en Portugal
A iniciativa que aprobará a Cámara galega ten xa relevancia
internacional. Son varios medios os que nos últimos días se teñen
referido a esta proposta, entre eles, a Axencia Lusa, os xornais Público. Expresso ou Correio do Minho e as televisións RTP ou TVI.
De feito, varios destes medios trasladarán corresponsais á Cámara
galega para seguir o debate e a embaixada portuguesa en Madrid tamén se
interesou por esta cuestión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario