Recibiu o soporte da maior parte dos sindicatos na comarca de Ferrol (CIG, CNT, CCOO, UGT e USTG), de todas as forzas políticas con representación no Concello e mesmo do comité de empresa de NavantiaEste martes, cabodano do seu pasamento o 25 de marzo de 1990, celebrarase ademais un acto de homenaxe ante a súa casa natal, semiderrubada hai unhas semanas, na ferrolá rúa San Francisco. O acto, segundo a comisión promotora, servirá “tanto para reivindicar a súa figura como a do estado do propio barrio de Ferrol Vello”. A partir das oito da tarde haberá (en función do tempo, ante a posibilidade de fortes choivas a esa hora) unha actuación do Real Coro Toxos e Froles e lerase un manifesto de apoio á campaña do Día das Letras 2015, a cargo da alumna do IES Carballo Calero Rita Tojeiro Ces.
Será o primeiro dunha serie de actos importantes para a candidatura que terán lugar nos vindeiros días e semanas. Así, este xoves o pleno do Concello de Ferrol aprobará por unanimidade unha proposta para que o intelectual sexa homenaxeado no 2015. De igual xeito, como destaca Bernardo Maiz, nas vindeiras semanas a comisión promotora solicitará unha entrevista ante a RAG para continuar o camiño que debe levar á presentanción da candidatura de Carvalho, que debe ser proposta por tres académicos e contar co apoio doutros tres.
Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono"Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Ferrol, o profesor Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono", en referencia á ILP Paz Andrade, que converteria en inútiles, ao seu xuízo, as críticas recibidas por Carvalho Calero por ter defendido a liña ortográfica de reintegración co portugués.
Pola súa banda, a Fundaçom Artábria, que non participará na homenaxe deste 25 de marzo por mor da participación do Concello de Ferrol no acto, celebrará o 30 de marzo a súa habitual homenaxe a Carvalho Calero, ao pé da súa casa natal. O acto, presentado por Xende Lopes Teixeiro, consistirá nunha ofrenda floral e un recital poético a cargo de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico. Alberto Pombo e Diego Bernal musicarán o poema "Todo termina mal". E Vítor Santalha, en representación da entidade, intervirá para pechar o acto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario