martes, 3 de febreiro de 2015

Un ano máis, o Cantalingua ten moito que dicir!

Este ano volvemos poñer en marcha o concurso musical Cantalingua! Con el pretendemos dar a coñecer entre o público máis novo a música que está a facer no noso país. Os grupos ou solistas que participen no Cantalingua poderán optar ás actuacións das festas finais do Correlingua, unha marcha pola lingua que percorre 12 vilas e cidades galegas, e no que participan miles de rapazas e rapazas de todos os ciclos educativos.
Xa sabedes artistas, consultade as bases do Cantalingua 2015!

Quen pode participar? Como facelo?
Pois todos os grupos ou solistas de calquera estilo musical que manden unha canción en galego.
Moi sinxelo, só tedes que enviarnos unha canción en formato MP3 [obviamente en galego] baixo licencia Creative Commons e un correo electrónico ou teléfono de contacto a  correlingua@correlingua.org .
As cancións serán colgadas nas páxina cantalingua.org e nas redes sociais do Correlingua para que poidan ser desfrutadas por todo o mundo.
Ademais do tema en formato mp3, mándanos a foto da banda e un breve texto de presentación.
Os temas deberán ser orixinais, quedando excluídas as versións. A temática das letras será completamente libre, pero non poderán ter contidos obscenos nin discriminatorios.
Lembrade que o prazo para mandar as vosas propostas é até o 1 de abril de 2015.

As persoas gañadoras
Os grupos ou solistas gañadores serán elexidos por un xurado integrado por alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato. Os nomes dos gañadores serán coñecidos arredor do día 15 de abril.
Hai premio ou non hai premio?¿
Por suposto que o hai! Como sabemos o difícil que é para os grupos galegos facer concertos, ese será o noso premio: 12 concertos para o Correlingua 2015, que se repartirán os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso.
Estas actuacións terán lugar entre os días 4 a 15 de maio de 2015, e contarán cunha remuneración económica aproximada de 600 euros por actuación.
Todos os concertos serán pola mañá e terán unha duración aproximada de media hora, debendo ser integramente en galego. No caso de que algún dos gañadores non puidese participar nalgún dos concertos, a lista iría correndo ata completar todas as datas cos grupos que queden entre os 10 primeiros.

A que esperades, a participar polo galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario