mércores, 4 de febreiro de 2015

CulturaLab: Abrir a universidade aos movementos sociais

“Chegou o momento de airear a universidade e as institucións científicas, mostrar a súa pluralidade e, por que non?, sacalas á rúa, coma as asembleas fixeron coa política". Así escribían recentemente Adolfo Estalella e Tomás Sánchez Criado en Diagonal. Cultura Lab creado ao abeiro do Máster de Servizos Culturais da USC traballa nesas mesmas coordenadas, buscando artellar novos mecanismos de intercambio de aprendizaxe, achegándose a outros espazos de xeración de coñecemento, coma os movementos sociais e outros lugares de experimentación cidadá.
O CulturaLab comeza esta semana a súa actividade. Todos os mércores de febreiro o Museo Provincial de Lugo acollerá conversas a cargo de expertos e activistas, como espazo de aprendizaxe complementaria, e en base a catro eixos: libre, ligazón, emprendemento e dixital. O seu coordinador, Fran Quiroga (O Monte é noso, Kolectiv-Oficina de Coñecemento Nómada...) explica que a actividade ten dous obxectivos: o primeiro, "achegar a universidade a outros espazos de coñecemento, convertendo esa transferencia de coñecemento da que se fala moitas veces en intercambio de coñecemento". "Creo que é bo facilitar vías de encontro entre a universidade e a actividade dos movementos sociais", di. O segundo obxectivo é promover novos mecanismos de aprendizaxe, "reivindicando a conversa como unha forma de aprender, fronte a outros formatos máis unidireccionais". Os alumnos e alumnas do master teñen que desenvolver un proxecto cultural de forma voluntaria, unha iniciativa na que colabora a Deputación de Lugo. "Queremos habilitar este espazo como un viveiro, como un facilitador de proxectos culturais, para que aprendan facendo", destaca Quiroga.
"Fálase decote da necesidade de hackear a universidade" -sinala- "nós a través deste espazo queremos facilitar pequenas aperturas no sistema, introducindo novas metodoloxías de traballo e promovendo o traballo colaborativo"
"Fálase decote da necesidade de hackear a universidade" -sinala- "nós a través deste espazo queremos facilitar pequenas aperturas no sistema, introducindo novas metodoloxías de traballo e promovendo o traballo colaborativo". Búscase que os futuros xestores de servizos culturais destaquen por un know how máis axustado aos novos tempos, no que a rede xoga un papel determinante: "En Galicia moitas institucións están faltas da axeitada atención ás culturas e ferramentas dixitais, por isto queremos traballar eses conceptos, destacando a importancia que teñen para a cultura galega contemporánea".

As conversas

"En Galicia moitas institucións están faltas da axeitada atención ás culturas e ferramentas dixitais, por isto queremos traballar eses conceptos, destacando a importancia que teñen para a cultura galega contemporánea"
As conversas comezan este mércores 4, coa presenza de Beka Iglesias, que realizará un repaso ás tecnoloxías da información libre e ás filosofías e ferramentas open source. Beka Iglesias, hacker, artista dixital e coimpulsora do proxecto adtlantida.tv, adoita traballa na intersección entre tecnoloxía, cultura, ciencia e sociedade, indagando no uso social da tecnoloxía. As actividades continuarán o mércores 11 con Lucía Castro, que traballará nas ligazóns entre a universidade e outros espazos productores de coñecemento, como pode ser a investigación militante ou a produción que se está xerando arredor dos movementos sociais. Lucía Castro colabora en distintas actividades de movementos sociais, dende as hortas comunitarias da Coruña, a Cooperativa Integral ou proxectoderriba.
O mércores 18 participará Xesús Ron (Chévere), que falará das dificultades do emprendemento e das relacións entre os proxectos de creación e a administración, achegando a visión dunha iniciativa independente máis consolidada e con máis traxectoria. E, para finalizar, o mércores 25 participará Man Hausser, que coordina e dirixe Alg-a Laboratório: centro de Arte dixital e Cultura libre, e que afondará nas posibilidades da cultura dixital e amosará como o dixital pode engarzarse co tradicional e supón toda unha oportunidade paras as culturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario