mércores, 4 de febreiro de 2015

A Consellaría emprega uns criterios arbitrarios nos programas de atención ao fracaso escolar que van prexudicar a centos de escolares

A CIG-Ensino esíxelle a Educación que teña en conta as peticións dos centros e contrate o profesorado necesario para impartir estes programas.

A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que atenda as peticións solicitadas polos centros para o bo funcionamento dos programas PROA e a prevención do fracaso escolar e que elabore un plan de prevención contra o fracaso escolar que abranga todos os centros, contratando o persoal necesario e non mediante horas extraordinarias.
A Consellaría de Educación instaurou os Contratos-programa para suplir a falta de compromiso, dedicación e necesidade de elaborar un plan de actuación para o conxunto dos centros públicos, que garantise os recursos e medios suficientes e adecuados para o apoio e o reforzo educativo, orientación escolar, atención á diversidade e prevención escolar.
A Consellaría, no canto de procurar que todos os centros educativos conten cos recursos necesarios para reducir o fracaso escolar, estabelece as bases para seleccionar os centros que van levar a cabo o programa solicitado.
Pois ben, os centros que solicitaron o programa PROA (Programa de reforzo, orientación e apoio), destinado aos catro últimos cursos de primaria e á ESO para o alumnado que presenta “dificultades de aprendizaxe” e “desvantaxe polo contorno sociocultural”, están encontrándose con que agora a Consellaría para concedérllelos non ten en conta as condicións das súas peticións, por non estar disposta a facilitarlles o profesorado necesario para impartir estes programas nas condicións adecuadas para loitar contra o fracaso escolar.
A Consellaría de Educación segue criterios arbitrarios á hora de adxudicar os Contratos-programa e denega as peticións dos centros, poñendo en risco os programas de orientación e acompañamento e do alumnado con dificultades de aprendizaxe. A adxudicación dos PROA limítase aos centros que non modificaron a petición do curso anterior e denegáselles aos centros que si a modificaron porque as circunstancias mudaron. A Consellaría non ten en conta as necesidades actuais do alumnado nin as demandas dos centros para atendelas, creando problemas nos que este ano precisan un profesorado que non precisaban o ano pasado.
Para a CIG-Ensino, estamos ante unha actitude inxustificábel e unha nova agresión ao ensino público, que vai ter como consecuencia que haxa centros que se vexan obrigados a renunciar aos PROA, por mor da negativa da Consellaría a atender as peticións de profesorado.
Cómpre considerar que esta negativa de dotar de profesorado necesario aos centros que imparten estes programas, ademais de ir contra a creación de emprego, redunda no recorte de docentes que sofren os centros desde 2009 e que xa supera os tres mil profesores, pois o que a Consellaría pretende é que sexa o profesorado dos centros, o mesmo que xa sufriu incremento de horario e de tarefas que realizar, o que se faga cargo deses programas con horas extras, no canto de facer novos contratos.
A todo isto hai que sumarlles as dificultades burocráticas e os atrancos na xestión do transporte deste alumnado, uns atrancos que poden provocar a negativa das empresas que realizan o transporte a cubrir estes itinerarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario